xoves 21.11.2019
O verinés José Antonio Alonso Miranda recibe o premio como recoñecemento ó seu labor no eido da doazón de órganos

Amigos de Galicia celebrará a entrega dos premios "Grelo de Ouro" en Verín en novembro

A Fundación Amigos de Galicia presentará mañá, en Verín, a acta de concesión do XXXII Grelo de Ouro, personificado nesta edición na figura do recentemente falecido José Antonio Alonso Miranda, antigo xeneral xefe da Brilat. No mesmo acto anunciarase que a celebración da entrega de premios terá lugar en Verín no vindeiro mes de novembro.

O recentemente finado, José Antonio Alonso Miranda, premiado a título póstumo co "Grelo de Ouro" da Fundación Amigos de Galicia.
O recentemente finado, José Antonio Alonso Miranda, premiado a título póstumo co "Grelo de Ouro" da Fundación Amigos de Galicia.

Mañá martes, 29 de outubro, a Casa da Cultura de Verín acollerá un acto moi especial para a familia do recentemente falecido José Antonio Alonso Miranda, verinés que fora antigo xefe da Brilat e Xeneral do Exército e membro do Padroado Reitor da Fundación Amigos de Galicia.

O director xeral da Fundación Amigos de Galicia, Jesús Busto Peteiro, a responsable de comunicación da mesma, Paula Chapela, membros da corporación municipal de Verín e familiares de Alonso Miranda, presentarán a acta de concesión do XXXII Grelo de Ouro; nesta edición, personificado na figura de José Antonio Alonso Miranda.

O Grelo de Ouro é o premio anual organizado pola Fundación Amigos de Galicia para homenaxear a aquelas persoas ou entidades que traballan en prol dunha Galicia mellor.

O acto de entrega dos premios Grelo de Ouro celebrarase en Verín o vindeiro 16 de novembro

Na súa XXXII edición do Grelo e Ouro, a entidade decidiu recoñecer o labor dos colectivos e entidades profesionais que traballan para mellorar o sistema da doazón de órganos e de sangue. É por iso que, este ano, tamén será recoñecida a figura de José Antonio Alonso Miranda, directivo da Fundación Amigos de Galicia e doante de todos os seus órganos, logo de falecer no pasado mes de setembro.

O evento que se organizará para a entrega dos premios Grelo de Ouro ás entidades e asociacións relacionadas coa doazón de órganos e de sangue, así como á familia de José Antonio Alonso Miranda, celebrarase o vindeiro 16 de novembro, sábado, nun acto de homenaxe que terá lugar en Verín, no Auditorio Municipal.

Amigos de Galicia celebrará a entrega dos premios "Grelo de Ouro" en Verín en novembro
comentarios