miércoles. 08.07.2026
Todo o operativo actúa baixo mando único da Xunta de Galicia

Garda Civil, Policía e UME coordínanse de cara á tempada de alto risco de incendios | NOTICIAS OURENSE

Manuel Pardo presidiu a  Comisión Provincial de Coordinación Policial contra os incendios forestais.
Manuel Pardo presidiu a Comisión Provincial de Coordinación Policial contra os incendios forestais.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participou esta mañá na Delegación Territorial da Xunta na constitución da Comisión Provincial de Coordinación Policial de Loita contra os Incendios Forestais para a campaña deste ano, que estará operativa desde o 1 de xullo ata o próximo 30 de setembro, período establecido como tempada de alto risco de incendios.

O obxectivo desta reunión, que se celebra todos os anos, é o deseño de actuacións conxuntas entre a Xunta, o Goberno central e a Administración local para previr os lumes e loitar contra a actividade delituosa incendiaria. Na xuntanza tamén participaron membros da Dirección Territorial de Medio Rural, representantes da Subdelegación do Goberno e responsables da Policía Autonómica e Nacional e da Garda Civil.

Representantes da Garda Civil, Policía Autonómica e Nacional e Subdelegación do Goberno na reunión de Ourense.
Representantes da Garda Civil, Policía Autonómica e Nacional e Subdelegación do Goberno na reunión de Ourense.

O delegado territorial indicou que o dispositivo previsto este ano na provincia é similar, en liñas xerais, ao do pasado exercicio en canto a número de efectivos. Estará formado polas brigadas autonómicas e municipais, os parques de bombeiros e os grupos de emerxencia supramunicipal (GES), aos que se suman a Unidade Militar de Emerxencias (UME), a Garda Civil do Seprona, a Policía Autonómica e Nacional e os equipos de investigación, "sempre baixo o mando único da Xunta de Galicia", sentenciou Pardo.

O delegado territorial fixo fincapé na importancia da coordinación e subliñou que a Dirección Territorial da Consellería de Medio Rural celebra comités policiais cada tres semanas para o seguimento das accións conxuntas. Ademais, apelou á responsabilidade da cidadanía para que extreme as precaucións e denuncie calquera actividade delituosa incendiaria no teléfono gratuíto e anónimo 900 815 085.

Pladiga 2026

Manuel Pardo destacou que o Pladiga 2026 recolle o maior investimento da súa historia, cun montante total de algo máis de 213 millóns de euros, o que supón un 18 % máis con respecto ao ano pasado. O documento está integrado por catro plans: prevencióndetección, disuasión, investigación e medidas correctorasextinción; e formación.

No relativo ao plan de prevención, está previsto actuar nunha superficie de 33.880,41 hectáreas, con traballos en áreas cortalumes, faixas auxiliares, mellora de pistas forestais e queimas prescritas. O convenio coa empresa pública Seaga para a xestión da biomasa nas faixas secundarias conta cun orzamento de 25 millóns de euros anuais, o dobre que o ano pasado.

Entre as novidades tecnolóxicas destaca o lanzamento da aplicación móbil ALume, xa dispoñible para iOS e Android, que permite á cidadanía alertar dun incendio de forma áxil, enviando a localización exacta, imaxes e gravacións de son, como canle complementaria ao 085. Destaca tamén a ampliación dun 30 % da rede de videovixilancia, que chegará ás 241 cámaras en 111 localizacións, coa introdución da intelixencia artificial no sistema de xestión.

O número total de parroquias de alta actividade incendiaria (PAAI) sobe a 35 este ano —fronte ás 26 do ano pasado—. Saen do listado Santigoso (A Mezquita) e Pardo de Limia (Muíños), e incorpóranse 11 novas.

No plan de extinción, a Unidade de Directores de Extinción pasa de 6 a 15 membros, e incorpóranse 42 novas brigadas. En total, o dispositivo estará integrado por máis de 7.000 persoas. En medios materiais, súmanse 16 novos bulldózers e 4 novos medios aéreos, ata un total de 24 dependentes da Consellería, ademais dunhas 380 motobombas e vehículos pesados en terra.

Garda Civil, Policía e UME coordínanse de cara á tempada de alto risco de incendios |...