O Concello de Larouco conta desde este mércores cun novo espazo público rehabilitado nas antigas escolas de Seadur, unha área verde e multifuncional que combina usos lúdicos, de ocio e culturais. O proxecto, impulsado por Turismo de Galicia cun investimento superior aos 100.000 euros, foi inaugurado polo director do ente autonómico, Xosé Merelles, acompañado pola rexedora do municipio, Patricia Lamela.
Durante o acto, Merelles destacou que esta actuación “non só incrementa o atractivo turístico de Larouco, senón que tamén crea un punto de encontro para a cidadanía”. O responsable de Turismo lembrou ademais que “Ourense é un destino cada vez máis valorado”, cun incremento do 5% nos visitantes internacionais entre xaneiro e setembro respecto ao mesmo período do ano anterior.
A intervención nas antigas escolas permitiu crear un espazo verde híbrido, con zonas de descanso, actividades sociais e culturais, e un xardín multixeneracional con mobiliario adaptado a distintas idades. O conxunto intégrase na contorna natural mediante especies autóctonas e pavimentos sostibles.
O novo espazo multiusos dispón dunha estrutura de madeira tipo pérgola conectada co centro veciñal, mentres que a zona exterior conta cunha praza cultural con grada-mirador, tumbonas, plataformas de descanso e gradas para eventos como proxeccións ou representacións ao aire libre.
Merelles animou á veciñanza e aos visitantes a facer uso destas instalacións para “promover o enoturismo, a gastronomía e outros recursos turísticos da comarca”, consolidando así a aposta de Larouco por un turismo sostible e de calidade.
