Venres. 29.03.2024
O desfile infantil volverá a ateigar as rúas da vila dende as 11,45 horas

Nenos e mulleres, os protagonistas do grande día de Comadres

As rúas de Verín estarán o xoves ateigadas de xente tanto de día como de noite. Nas primeiras horas da xornada serán os cativos dos centros educativos da comarca e periferia os encargados de darlle de seguro un vistoso colorido ao Entroido 2019. O desfile infantil dará comezo pasadas as 11,45 horas no entronque de Estrada de Cabreiroá con Deputación e Canela Cega. Pola noite, quenda para as mulleres. Ceas, moita música, e a festa da Praza pouco despois de que a Raíña agardase por Don Carnal en San Lázaro. 

 

A Raíña do Entroido, saudando dende a Casa do Escudo. (FOTO: CARLOS MONTERO)
A Raíña do Entroido, saudando dende a Casa do Escudo. (FOTO: CARLOS MONTERO)

Se hai un día do Entroido de Verín que non se pode perder, ise é o do xoves de Comadres, por partida dobre dende que se decidiu adiantar o desfile da cativada un día. Este xoves será o día grande de nenos e mulleres, cada un na súa franxa horaria. Os máis pequenos serán os protagonistas pola mañá, dende as 11,45 horas, por mor da súa participación no desfile infantil que colapsará as rúas céntricas da vila tanto de disfraces como de pais e nais apostados nas beirarrúas.

Os nenos e nenas das Garderías Pinocho e a Asociación Tres Reinos de A Mezquita; as casas niño de Monterrei, Cualedro e Castrelo do Val; os CEIPs Amaro Refojo, Princesa de España, Castrelo do Val, Rodolfo Núñez de Vilardevós, Vendas da Barreira, Augusto Assia da Mezquita, Medeiros, Colexio Rural Agrupado Monterrei, Colexio María Inmaculada e da iniciativa Kero Kolo, percorrerán as rúas máis céntricas de Verín. Do mesmo xeito que o ano pasado, o desfile comezará no entroncamento de Canella Cega coa rúa Cabreiroá e seguirá polas rúas Deputación, Luís Espada e Lisa, para finalizar nas Prazas Maior e García Barbón. Nesta ocasión o desfile contará coa música da Banda de Gaitas do Concello de Verín e das charangas Támega, Vakapinta, Mil9, A Chicoria, Terra de Trives e Alambique.

QUENDA DAS MULLERES

Pola noite, serán elas as protagonistas. Logo das ceas nos ateigados restaurantes da vila, e polos que se pasearán as charangas convidadas, todas as mulleres desta noite do xoves dirixiranse á Casa do Escudo onde, logo da medianoite, partirá a procesión. Dende ese hora estarán xa dúas discotecas móbiles animando a festa na Praza Maior, agardando a que a Raíña do Entroido e Don Carnal saúden á multitude pouco despois de se atoparen en San Lázaro, ata onde Don Carnal descendeu polo Camiño Real. 

Nenos e mulleres, os protagonistas do grande día de Comadres