
"Non se utilizará ningún tipo de mascarilla en actividades e lugares que non impliquen un contacto directo con pacientes (...), nin en desprazamentos polo centro e áreas xerais".
Subliñado e en negriña, así conclúe o documento que o xerente da Área Sanitaria do Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras remitiu ao persoal sanitario, apelando á responsabilidade profesional, social e moral dos interesados e xustificando a medida pola "situación de limitación de existencias e de non dispoñibilidade de mascarillas no mercado", sinala na instrucción repartida polas diferentes dependencias, na que lle dá indicacións precisas para facer uso das mascarillas cirúxicas e mascarillas "FFP2", as indicadas "durante o contacto con casos probables/confirmados COVID-19 a menos de 2 metros, sempre que exista dispoñibilidade das mesmas, senón serán substituidas por mascarillas cirúrxicas (as indicadas para o contacto con pacientes que presenten sintomatoloxía respiratorio, con diagnóstico de COVID-19 ou non)".
Risco de contaxio
O CEMS urxiu ao Sergas, esta mesma mañá, a necesidade de dotar de “materiais imprescindibles para unha adecuada protección dos profesionais, para a correcta atención ós pacientes e para evitar a propagación do virus” e advirten que se se segue sen dispor de equipos de protección “o contaxio dos profesionais está asegurado”, o que traerá consigo o colapso da sanidade pública.
A nosa comunidade autónoma rexistra 721 contaxios: 195 en A Coruña; 54 en Lugo; 74 en Ourense; 112 en Pontevedra; 152 en Vigo; 108 en Santiago e 16 en Ferrol. Do total de positivos, 28 permanecen na UCI, 166 están en unidades de hospitalización e 527 encóntranse nos seus respectivos domicilios.