lunes. 29.04.2024
Ao cemiterio de Verín só se poderá entrar en grupos de catro persoas convivintes e non máis de media hora.
Cemiterio de Verín.

O Diario Oficial de Galicia, na súa deste luns, recolle a publicación do novo Decreto de Sanidade Mortuoria que entrará en vigor dentro dun mes. Así, a nova normativa substituirá ao Decreto 151/2014, mellorando aspectos técnicos da regulación para adaptalos aos requirimentos sociais e técnicos existentes, simplificando as tramitacións administrativas e incorporando as determinacións da Guía consensuada aprobada polo Sistema Nacional de Saúde.

Neste senso, a nova norma presta especial atención ás implicacións que o dereito á liberdade relixiosa ten respecto desta materia, contendo unha regulación expresa para aqueles enterramentos que, por motivos confesionais, teñan que realizarse en contacto coa terra. Nesta liña, contempla a posibilidade de eximir do uso de cadaleito, cando así se demande, e previa conformidade da entidade titular do cemiterio no que se vaia inhumar. Xa que logo, facilitará a realización de enterramentos polos ritos musulmán ou xudeu no territorio galego, tal e como a Xunta lle trasladou aos representantes destas comunidades.

A nova regulación tamén dá resposta á necesidade de reducir o control administrativo preexistente, optando por unha intervención máis limitada, centrada naqueles aspectos exclusivamente sanitarios derivados da actividade funeraria, ao tempo que mantén plenas garantías no referido á protección da saúde pública.

O texto tamén recolle un recoñecemento competencial expreso ás administracións locais, como provedoras dos servizos públicos primarios á poboación, entre os que se inclúen os cemiterios e as actividades funerarias; e incorpora gran parte das determinacións contidas na Guía de Consenso de Sanidade Mortuoria, aprobada pola Comisión de Saúde Pública do Sistema Nacional de Saúde.

Respecto das medidas consensuadas co conxunto de representantes das comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, cómpre destacar a modificación dos tempos mínimos esixidos desde o falecemento para poder realizar prácticas sanitarias sobre o cadáver, así como a redución a 12 horas do prazo mínimo para poder dar o destino final a un cadáver sempre que dispoña da correspondente licenza de enterramento.

Así mesmo, recolle o acordado na Guía de Sanidade mortuoria sobre á nova clasificación dos cadáveres en función do seu risco sanitario pola causa de defunción; ás condicións xerais sobre o uso de féretros e bolsas funerarias; e o traslado e exhumación de cadáveres, restos humanos, restos cadavéricos e restos óseos.

As principais novidades da nova regulación galega complétanse, por unha banda, co establecemento dun procedemento de regularización de cemiterios preexistentes, co obxectivo de facilitar a legalización daqueles que a día de hoxe aínda non teñen cumprimentados os trámites administrativos esixidos pola normativa sectorial de aplicación; e, pola outra, cun procedemento para o enterramento en lugares especiais, eliminando a autorización sanitaria para aqueles xa existentes, e, no caso dos de nova construción, atribúese aos concellos a competencia necesaria para a concesión das oportunas licenzas.

Regulación de crematorios e censo de empresas funerarias

Outro aspecto importante é a regulación dos crematorios, cuxa instalación prevese preferentemente en solos de uso industrial, de conformidade coas normas municipais da planificación urbanística, nun edificio independente e exclusivo para servizos funerarios e actividades complementarias que sirvan para a mellor prestación do servizo. Establécese un radio de 200 metros contados dende o foco da emisión que constitúe a cheminea do forno crematorio, no que non deberá haber zonas residenciais, residencias da terceira idade, centros sanitarios, centros educativos, parques infantís, instalacións deportivas ou outros edificios ou instalacións con características similares.

Ademais do sinalado, introdúcese, por primeira vez, a creación dun censo de empresas e establecementos funerarios de Galicia, no que se inscribirán mediante declaración responsable as empresas funerarias, tanatorios, velorios e crematorios que teñan a razón social na comunidade galega.

Nun mes xa se poderá enterrar a un defunto sen féretro e con só un mínimo de 12 horas...