luns 06/12/21

O Concello de Viana do Bolo prepárase para celebrar as súas festas patronais da Asunción e San Roque cunha edición "reducida", que inclúe pasarrúas, misa e charangas, nunha edición "atípica", por segundo ano consecutivo, marcada pola pandemia por coronavirus. 

Segundo indica o goberno local, todas as actividades "realizaranse cumprindo con todas as medidas sanitarias" e advirten de que "serán suspendidas automáticamente se non se respectan as normas". Pola contra, o concello procedeu "á suspensión das actividades nas que non podemos controlar o aforo nin garantir que se cumpran as recomendacións sanitarias ditadas pola Xunta de Galicia".

Deste modo, a programación festiva arrinca esta mesma tarde, con "Circotour", de Trasno Cía, ás 20:00 horas, no Castelo. O domingo, día 15, terá lugar a misa solemne pola Nosa Señora da Asunción, ás 12:30 horas, na Igrexa parroquial, nunha xornada na que haberá pasarrúas a partires das 11:30 horas, coa banda das escolas musicais municipais. Pola noite, actuará a charanga Bicoia, ás 23:00 horas na Praza Maior

O día seguinte, 16 de agosto, a actividade comenzará con pasarrúas e a misa solemne en honor de San Roque, tamén ás 12:30 horas, na igrexa parroquial. Xa pola tarde, terá lugar a actuación de Odaiko, na Praza Maior (20:00 horas) e, como colofón, pechará a xornada o espectáculo de rúa "Seres fantásticos", ás 23:00 horas na Praza Maior. 

Por último, o 17 de agosto Teatro Candea presentará "Axencia Matrimonial media laranxa", ás 21:00 horas na Casa de Cultura. 

Dende o consistorio, demandan a colaboración dos veciños á hora de cumprir todas as normas e medidas de seguridade. De feito, advirten de que durante as actuacións "está prohibido mover as cadeiras dos sitios onde estén situadas" e non se poderán formar "grupos nin aglomeracións de persoas que non sexan conviventes" durante o transcurso das actividades. Por outra banda, cando os grupos percorran as rúas non se poderá "seguilas no seu percorrido" e haberá que "disfrutalas a distancia". Na actualidade, o Concello de Viana ten actualmente seis casos positivos por coronavirus. 

.

Viana do Bolo reduce as súas festas patronais á misa, pasarrúas e charangas
comentarios