domingo. 19.07.2026
O director Xosé Merelles participou na presentación do Plan Xerativo de San Xoán de Río

Turismo coloca a lonxevidade como referente para a revitalización do rural

20250808 NPPlanTurismoXerativoSanXoánRío Xosé Merelles
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou esta mañá en San Xoán de Río na presentación do Plan de Turismo Xerativo.

O concello de San Xoán de Río situouse hoxe no epicentro da reflexión sobre o futuro do rural coa presentación do seu Plan de Turismo Xerativo, un proxecto co apoio da Xunta de Galicia que se postula como referente na loita contra o despoboamento. O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, salientou que a calidade de vida e o benestar intrínsecos ao rural galego son os alicerces desta nova proposta turística, inserida no contexto do I Festival da Lonxevidade.

O obxectivo principal do Plan de Turismo Xerativo é converter San Xoán de Río nun referente de investigación e promoción da lonxevidade e do benestar a través do Laboratorio Rural da Lonxevidade. Segundo Xosé Merelles, este laboratorio permitirá "experimentar e validar novas formas de vida na Europa rural do futuro, baixo as claves dun estilo de vida máis lento pero activo, conectado á terra e en convivencia coa comunidade", buscando así reverter o abandono das áreas rurais.

Este proxecto innovador alíñase coa estratexia turística da Xunta, que busca un modelo respectuoso co medio ambiente e que valore a singularidade do destino desde a sostibilidade e a integración coa poboación local. O Plan de Turismo Xerativo de San Xoán de Río, impulsado pola Escola de Turismo Xerativo, non só busca dinamizar economicamente o rural, senón transformar a narrativa do envellecemento e da despoboación nunha mensaxe de "sabedoría, sostibilidade, vida plena e futuro compartido". 

 

Promovido pola Escola de Turismo Xerativo, o plan inclúe tamén a creación dunha Rede Internacional de Pobos Lonxevos. Esta plataforma busca conectar iniciativas que promovan o envellecemento activo desde o ámbito local, contando xa con representación de España, Portugal e Bélxica e cunha clara vocación de expansión. Un dos momentos centrais da xornada inaugural do Festival foi a lectura e sinatura simbólica do Manifesto dos Pobos pola Lonxevidade, documento fundacional da futura Rede. Este manifesto recolle principios fundamentais para unha vida máis plena no rural, tales como: hábitos de vida saudables, alimentación local e sostible, arraigo emocional e sentido comunitario, relacións interxeracionais reais, e un equilibrio entre corpo, contorno e comunidade. Os concellos asinantes comprométense a visibilizar este modelo de vida e reivindicar a súa identidade rural como "laboratorios vivos de benestar, resiliencia e sustentabilidade".

Turismo coloca a lonxevidade como referente para a revitalización do rural
Comentarios