luns 23/05/22
fiesta ilegal, Policía Local, Verín
A policía local interviu nunha festa ilegal o pasado 13 de marzo de 2021.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autorizou á Xunta a prohibir as reunións entre non conviventes, en espazos públicos e privados, entre as tres e as seis da madrugada, en toda a comunidade autónoma, desde as 00:00 horas do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia (DOG) e ata as 00:00 horas do próximo 18 de xaneiro.

A sección terceira da Sala do contencioso-administrativo tamén permitiu á Xunta ampliar a todo o horario de apertura o requisito de presentar o certificado de vacinación ou de proba diagnóstica negativa para acceder ao interior dos establecementos hostaleiros. Os xuíces entenden que a adopción destas medidas está xustificada polo "relevante risco" de transmisión da COVID-19 existente nestes momentos en Galicia.  

O tribunal destaca no auto, notificado hoxe, que as medidas implican a restrición, "en grao mínimo", de dereitos fundamentais, en relación "á forte salvagarda que se pretende do dereito á vida e á saúde". Os maxistrados lembran que continuamos "nunha situación epidemiolóxica que determina un risco de transmisión do virus crecente, acentuada polo avance na prevalencia da variante Ómicron". Ademais do "dano intrínseco" que está a ocasionar na poboación afectada, o TSXG advirte de que "ocupa progresivamente maiores recursos do sistema público de saúde de Galicia".

Medidas pouco motivadas pola Xunta

Na resolución, os maxistrados fan referencia a estudos científicos que tiveron en conta á hora de ditar outros autos relacionados con medidas sanitarias que implican limitación ou restrición de dereitos fundamentais, pois aseguran que o informe remitido nesta ocasión pola Xunta de Galicia se atopa "completamente orfo de identificación dos informes e estudos que se empregan como base das afirmacións nel recollidas". Os xuíces advirten ao Goberno galego que existe "ausencia de motivación na petición das medidas solicitadas", o que lles obrigou a recorrer ao contido das súas anteriores resolucións, "única forma de verificar se as medidas propostas resultan idóneas, necesarias e proporcionadas".

O TSXG confirma a prohibición das reunións de non conviventes entre as 3:00 e as 6:00...
comentarios