Venres. 29.03.2024
Ás 12,30 horas lerase o Manifesto, ao que lle seguirá unha "performance"

Catro organizacións convocan a un paro en conmemoración do Día Internacional da Muller

Catro organizacións convocan este venres, ás 12,00 horas diante da casa do Concello de Verín, a todas as mulleres da comarca a unha mañá de reflexión e posta en común de experiencias antes da lectura do manifesto, que terá lugar co gallo da celebración do Día Internacional da Muller. Búscase darlle ao colectivo feminino a visibilidade real da súa achega á sociedade, con especial fincapé na importancia da muller no rural.

 

Logo da concentración e da lectura do manifesto, terá lugar unha "performance" infantil. (FOTO: CARLOS MONTERO)
Logo da concentración e da lectura do manifesto, terá lugar unha "performance" infantil. (FOTO: CARLOS MONTERO)

Catro son os colectivos que convocarán as mulleres da contorna a concentrarse mañá día 8 de marzo diante do Concello de Verín co gallo da celebración do "Día Internacional da Muller". O Centro de Información da Mancomunidade de Municipios de Verín, a Federación de Mulleres Rurais de Ourense (Femuro), o Centro de Desenvolvemento Rural Portas Abertas e a Asemblea Local de Monterrei da Cruz Vermella veñen de animar a participar nun acto de confraternización no que, antes da lectura dun manifesto, poderanse intercambiar opinións e experiencias coas que por en valor e en común a importancia que ten para a sociedade, sobre todo no rural, pertencer a un xénero tan imprescindible.

Logo desa xuntanza, ás 12,30 horas, chegará a lectura do Manifesto para dar paso, de seguido, a unha "performance" infantil "en representación da igualdade", indican dende o Centro de Información da Muller (CIM) da Mancomunidade.

Non serán, sen embargo, os únicos actos que dende as catro institucións mencionadas se programen nestas datas. Nas vindeiras semanas está previsto desenrolar diferentes talleres nos centros educativos da comarca cos que se pretenderá dar visibilidade á realidade das mulleres da contorna, especialmente á daquelas do rural. O lema elixido nesta edición para conquerir ese obxectivo será "Mulleres diversas e con iguais dereitos".

Catro organizacións convocan a un paro en conmemoración do Día Internacional da Muller