martes. 23.04.2024
Casa do Concello de Viana.
Concello de Viana. I FOTO: Iván Iglesias.

O PSOE de Viana do Bolo pedirá información no vindeiro pleno que terá lugar este venres sobre a fórmula empregada na cesión dun solar por parte do Bispado de Astorga ó Concello para a futura construción dun centro de día nesta localidade. 

Dende o partido, preguntan "baixo que paraugas xurídico" se asinou o convenio para que o Bispado de Astorga puxese a disposición do Concello un solar para a construción do centro de día e “se se trata dunha doazón ou dunha cesión”. 

Explican que no caso de tratarse dunha cesión, esta "acostuma a ter un prazo determinado no tempo, que tamén pode ser indefinido", e engaden que "sexa o prazo que sexa, a propiedade pode ser revertida de novo ao Bispado e unha vez feito o centro de día, se a propiedade retorna ao seu propietario, a edificación tamén lle pertencerá ao mesmo".

Pola contra, sosteñen que de tratarse dunha doazón, termo que segundo apuntan "non vimos en ningures na nota difundida polo Concello", a situación sería diferente. 

Por eso, os socialistas piden ó Concello que "aclare a maneira na que se asinou o convenio, se conleva algún tipo de contrapartida, cales son e que obrigas ten o Concello ao aceptar dita doazón do solar".

Esta pregunta prodúcese despois do convenio suscrito entre ambas institucións polo que o Bispado comprométese á cesión dun solar, feito que os socialistas aplauden que "sexa hoxe unha realidade e vexa a luz". Por iso, pide que se axilicen os trámites para que as obras poidan comezar a "maior brevidade posible". 

O PSOE de Viana pregunta ó Concello pola fórmula seguida na cesión dun solar