domingo. 19.07.2026
A nova Executiva Provincial, encabezada por Álvaro Vila, celebra a súa primeira reunión con chamadas á unidade, ao diálogo e ao traballo de base

O PSdeG-PSOE de Ourense arrinca nova etapa cunha aposta por reforzar o partido nas comarcas

1000151405
Álvaro Vila durante a súa primeira Comisión Executiva Provincial.

O PSdeG-PSOE de Ourense celebrou este domingo a súa primeira Comisión Executiva Provincial tras o 5º Congreso Provincial no que Álvaro Vila foi proclamado novo secretario xeral. A reunión, que tivo lugar na sede do partido na capital ourensá, serviu para trazar as primeiras liñas de traballo dunha nova etapa que aposta por fortalecer a presenza socialista en toda a provincia.

Durante a sesión aprobouse a convocatoria das asembleas intermunicipais, nas que se elixirán os membros que faltan por designar no Comité Provincial. Segundo o previsto, 73 representantes xa foron elixidos no Congreso, mentres que outros 73 sairán das agrupacións locais nas vindeiras semanas.

Comisión Executiva Provincial (CEP) do PSdeG-PSOE de Ourense
Comisión Executiva Provincial (CEP) do PSdeG-PSOE de Ourense

Tamén se deu luz verde ao reparto de delegados que acudirán ao Comité Nacional Galego, á designación de representantes da CEP na Comisión Provincial de Listas -formada inicialmente por 4 persoas- e á ratificación do nomeamento da nova administradora provincial.

Na súa intervención, Álvaro Vila marcou o ton político da nova dirección, destacando que “imos traballar intensamente no territorio co obxectivo de conseguir un partido máis forte, activo e que recupere músculo en cada comarca e en cada concello”. O líder socialista apostou por unha executiva “baseada no consenso, no diálogo e na unidade”, e asegurou que tanto a militancia como as agrupacións locais terán un papel protagonista no novo rumbo do partido.

Con esta primeira reunión, o PSdeG-PSOE de Ourense inicia unha etapa centrada na reorganización interna e no contacto directo co territorio, coa vista posta en recuperar espazos e confianza nas distintas comarcas da provincia.

O PSdeG-PSOE de Ourense arrinca nova etapa cunha aposta por reforzar o partido nas...
Comentarios