domingo. 19.07.2026
O obxectivo é lograr un cambio na Deputación

O PSdeG ourensán constitúe o comité electoral para mellorar os resultados provinciais

Reunión da Comisión Executiva Provincial do PSdeG PSOE de Ourense en Ramirás.
Reunión da Comisión Executiva Provincial do PSdeG PSOE de Ourense en Ramirás.

O PSdeG-PSOE de Ourense celebrou esta fin de semana a súa Comisión Executiva Provincial, nesta ocasión en Ramirás, concello gobernado pola socialista Isabel Gil. Na mesma, aprobouse a constitución do comité electoral provincial e confeccionouse o calendario de cara as eleccións municipais do vindeiro mes de maio.

Dende a executiva provincial do PSdeG ourensán destacan que "proseguimos co noso percorrido pola provincia para que todos os nosos integrantes e as nosas integrantes da comisión coñezan a realidade de cada concello e tamén con vistas as vindeiras eleccións municipais do 28 de maio". Tamén poñen o foco en que o obxectivo marcado "é presentar os mellores candidatos e candidatas en toda a provincia para acadar uns moi bos resultados a nivel provincial".

O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, destacou que coa elección do comité electoral, "xa temos a integración de todas as forzas que van confluír para crear un proxecto para esta provincia, un proxecto que coñeza toda a cidadanía e a veciñanza da provincia". O líder dos socialistas ourensáns sinalou que o obxectivo que se marca o partido "é aumentar o número de deputados e deputadas provinciais, para que desta vez sexa realidade o cambio na provincia".

Villarino tamén subliñou que, "nas anteriores eleccións municipais, o PSOE conseguiu os mellores resultados da súa historia, pero daquela non foi posible o cambio na Deputación, xa que se levou a cabo un pacto antinatura, motivado para manter a mesma presidencia". O secretario provincial afirmou que "o noso obxectivo agora é que ese cambio sexa reversible, que a cidadanía saiba que a súa intención de voto se vai respectar e que esta provincia teña por fin o futuro que todos desexamos e merece".

O PSdeG ourensán constitúe o comité electoral para mellorar os resultados provinciais
Comentarios