lunes. 29.04.2024
portas abertas, itinerarios integrados
Participantes na formación en hostelería dentro dos itinerarios integrados do CDR Portas Abertas.

O CDR Portas Abertas segue a traballar en prol da empregabilidade na bisbarra. Dende xaneiro son moitas as persoas que puideron participar no seu programa de itinerarios integrados para loitar contra o despoboamento rural; proxecto que ofrece un asesoramento personalizado, orientación laboral e formación gratuíta ás persoas interesadas. 

O programa está destinado ás persoas que viven, ou queren vivir, no medio rural; fomentando a inclusión e buscando fixar poboación. Dende o CDR Portas Abertas traballan cunha metodoloxía basada na análise da empregabilidade e no deseño de formacións adaptadas ás necesidades laborais da bisbarra.

O CDR Portas Abertas promove a capacitación profesional das persoas en habilidades moi demandadas polas empresas da comarca. Así, no itinerario anterior, no que se atenderon a 21 persoas, ofreceuse a acción formativa “Poda da vide e traballos en adega”; formación da que 11 persoas saíron con traballo.

Recentemente, vén de finalizar a formación "Camareiro/a de cafetería e restaurante", un perfil moi demandado polo sector hostaleiro da bisbarra. Nesta formación desenvolveron competencias técnicas para o servizo en barra, cafetería e restaurante, e completarán a súa capacitación profesional cun curso de Informática para o ámbito laboral.

O CDR Portas Abertas leva a cabo os Itinerarios Integrados contra a despoboación a través de Coceder e dentro do Programa Operativo de Inclusión Social e Economía Social, dentro do seu eixo para promover a inclusión social e loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación. Programas cofinanciados pola Xunta de Galicia a través do Programa Integral de Intervención Comunitaria no Medio Rural.

NOTICIAS VERÍN | O CDR Portas Abertas facilita o emprego no rural