jueves. 25.04.2024
Vilela.
Vilela.

O percorrido polas parroquias de Verín rematámolo coas entidades de poboación O Salgueiro e Vilela. Ter en conta que Verín, Ábedes, Queirugás, Tamagos e Tamaguelos xa os viramos con antelación e xa non apareceron na relación das parroquias.

O Salgueiro: Fitotopónimo: o nome común galego das especies do xénero Salix é “salgueiro”. Polo tanto, do derivado *salicariu- >salicairo >salgairo >salgueiro. É moi frecuente que os topónimos que se corresponden cun nome común vaian precedidos de artigo como é o caso. A familia toponímica derivada  de salix  é numerosa: Salgueiro, Salgueira, Salgueiral, Saceda, Salceda, Salcedo, Salgueiredo.

Vilela: De villa+ella. Diminutivo de “vila”, xa que logo, aplicado por ser esta unha entidade de poboación pequena, de poucos habitantes. Non leva artigo como sería o esperado pois os derivados adoitan carecer deste determinante.

Diz: Os derivados de “Didacus”,  nome moi usado na época medieval, son moitos e variados: Díaz, Díez, Diz, Diéguez e tamén o nome persoal Diego e Diogo. Así mesmo temos que ter presente a forma portuguesa Dias. Nos documento medievais aparecen as formas patronímicas Diaci, Diat, Diaz, Didat ou Didaz (Ferrín: Consultorio). En (Ferro: 48) aparecen os seguintes  “Diego”: Diego das Cortes, Diego das Camoyras, Diego Fernandes, Diego das Seixas, Diego de San Simón, Diego de Paços, Diego Dias, Diego de Cameyga.

Arias Didaz notuit qui huic signo.// Ordonius Didaz diaconus.// Adefonsus Didaz diaconus. (Celanova: 59)  Didacus archidiaconus (Celanova: 2). Pro testes: Didaco. Iohannes. Pelagius. (Celanova: 14).

A orixe deste  antropónimo é incerta. Pénsase que debe ter unha orixe ibérica debido ao extraordinario uso que tivo na P. Ibérica desde os primeiros séculos da nosa era. Pero hai quen apunta ao grego (didaché) (doutrina, instrución).

En Galicia hai 5413 Diz e en Verín, 202. Hai 7392 Diéguez en Galicia  e 34, en Verín. Temos 1516 Díez en Galicia e 15, en Verín e, para finalizar, en Galicia temos 50509 Díaz e 82, en Verín e a variante Dias, ten 19 en Verín e 280, en Galicia.

Vivián: Nome de persoa que ten un feminino Viviana e unha variante: Bibián / Bibiana. É frecuente encontrarmos nomes de persoa usados como apelidos (Xosé, Antón, Guillerme, Lois/Luís... case sempre masculinos, por obvias razóns históricas, aínda que nada xustificables). Do latín Vivianus, derivado do xentilicio Vibius, correspondente ao etrusco Vip. (Dicionario dos Nomes). E por etimoloxía popular relacionado con vivere e interpretado como nome augural cristián. Usado desde as orixes do galego como nome e apelido. En Galicia encontramos 115 Vivián e en Verín, 29. Salientar que no concello de Vilardevós hai 70 apelidos Vivián. Supoñemos que a maioría dos Vivián de Verín  proceden deste concello de Vilardevós. En Galicia hai 50 Bibián e ningún en Verín.

Historicamente houbo unha santa mártir (Santa Viviana) e literariamente foi un nome con sorte, xa que unha fada das novelas da Táboa Redonda levaba este nome.

ONOMÁSTICA | Os topónimos O Salgueiro e Vilela e os apelidos Diz e Vivián