luns 17/01/22
Os nacionalistas afirmaron, nun comunicado, estar á disposición da corporación municipal para achegar ideas

O alcalde de Trasmiras nega que o BNG local ofrecese apoio institucional para a xestión da pandemia

O alcalde, Emilio José Pazos Ojea, afirma que ''o BNG de Trasmiras en ningún momento se puxo en contacto co grupo de goberno do concello para pedir, compartir ou aportar información referente á situación sanitaria actual''

330px-Casa_do_Concello_Trasmiras
Casa do Concello de Trasmiras. | FOTO: arquivos.

O alcalde de Trasmiras, Emilio José Pazos, vén de emitir un comunicado no que califica de "brindis ao sol" o ofrecimento formulado nos medios pola oposición nacionalista. O rexedor do PP asegura que "queda moi ben saír aos medios enviando notas de prensa pero onde verdadeiramente se comproba o compromiso institucional que ten unha formación é de portas adentro. E o BNG non contactou con este alcalde para perfilar unha resposta unánime desta Corporación á pandemia, como si fixo, por exemplo, a representación socialista", di o popular en resposta aos nacionalistas. 

Tras o comunicado enviado dende o BNG de Trasmiras no que se pretende poñer enriba da mesa unha serie de medidas para reducir a incidencia da Covid no concello, o equipo de goberno actual vese na obriga de realizar unha serie de aclaracións. Estas teñen como obxectivo evitar calquera tipo de confusión ou preocupación por parte da poboación.

Inicialmente, entre as medidas que propuña o BNG atopábanse algunhas como:

  • a realización dun cribado masivo para coñecer a situación real da localidade;
  • a petición dun chamamento ao autoconfinamento de todas as veciñas e veciños;
  • desinfección de espazos públicos na aldea, ou
  • a intención, por todos os medios, de frear os contaxios, incluso coa adopción de medidas máis restritivas.

A maiores, afirmaron estar á disposición da corporación municipal para achegar ideas, como a da realización dunha Comisión de seguimento da Covid.

Ante isto, o alcalde, Emilio José Pazos Ojea (PPdeG), nun comunicado de prensa, afirma que, ''o BNG de Trasmiras en ningún momento se puxo en contacto co grupo de goberno do concello para pedir, compartir ou aportar información referente á situación sanitaria actual''. Tamén quixo recalcar que están a seguir toda a normativa que dende a Xunta e o Sergas chegan, en materia de medidas e restricións. ''O grupo de goberno está en contacto diario coas autoridades sanitarias para avaliar a situación epidemiolóxica do concello''.

O BNG de Trasmiras en ningún momento se puxo en contacto co grupo de goberno do concello para pedir, compartir ou aportar información referente á situación sanitaria actual (Emilio José Pazos Ojea, alcalde de Trasmiras)

Así mesmo, afirman que ''as recomendacións e peticións de cumprimento coas normas sanitarias e redución de contactos e restrinxir a mobilidade, lévanse feito continuamente''. No referente ao cribado masivo que cita o BNG, o equipo de goberno actual recalca que ''o cribado mediante pcr do persoal dos negocios do concello de Trasmiras xa foi realizado o sábado 16 de xaneiro e xa teñen todos os resultados''.

As recomendacións e peticións de cumprimento coas normas sanitarias e redución de contactos e restrinxir a mobilidade, lévanse feito continuamente  (Emilio José Pazos Ojea, alcalde de Trasmiras)

O alcalde de Trasmiras nega que o BNG local ofrecese apoio institucional para a xestión...
comentarios
Entrando na páxina solicitada Saltar publicidade