13 de marzo de 2020, 12:10
O Concello de Verín pide á cidadanía que actúe de maneira responsable no tocante ós enterros, e que estes se desenvolvan na máis estrita intimidade. O alcalde pide que se enterren ós familiares evitando as aglomeracións de xente, xa que un dos focos importantes de COVID-19 que se deu en España foi nun funeral en Vitoria.
Diego Lourenzo, alcalde en funcións do Concello de Verín anuncia que, ante a situación sanitaria actual en relación co Coronavirus, adóptanse as seguintes medidas preventivas:
- Suspender todas as actividades públicas de carácter institucional, social, deportivo e cultural.
- Peche das instalacións municipais (Pavillóns de Deportes, Piscina Municipal, Biblioteca, Museo, Auditorio, Casa da Cultura, Sala de Exposicións, Oficina de Turismo, Centro de Día, Escola de Artes e Oficios, Conservatorio e Escola da Banda de Gaitas).
- Limítase a atención ó público nas dependencias municipais en casos de urxencia ou necesidade improrrogable (Casa do Concello, Casa da Xuventude -sede de Servizos Sociais- e oficinas da Policía Local) sempre priorizando a atención telefónica e telemática -correo electrónico ou sede electrónica-.
- Recoméndase limitar as concentracións de persoas en espazos públicos (parques e zonas de recreo) así como terrazas, oficios civís e relixiosos.