miércoles. 24.04.2024
Viana do Bolo.
Viana do Bolo.

O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo defenderá unha moción no vindeiro pleno municipal na que insta ao Concello a creación dun punto limpo no municipio, algo do que Viana carece actualmente. Os socialistas avogan porque en caso de que se atopen dificultades para a creación do mesmo, se someta a aprobación en sesión plenaria, a adquisición dos contedores de lixo industrial que se precisen e se sitúen nun lugar cuberto, como por exemplo a nave do campo da feira.

Dende o Grupo Municipal Socialista destacan que é "urxente" dar unha resposta a falta dun punto limpo para rematar cos depósitos incontrolados de elementos en desuso. Subliñan que "non podemos permitir que se creen vertedoiros industriais que xeran problemas moi graves no medio ambiente, na saúde das persoas e que ademais producen un grave deterioro paisaxístico".

Segundo relatan os socialistas, Viana do Bolo non conta cun servizo onde a veciñanza poida depositar para a súa recollida aqueles elementos en desuso que non poden ir aos contedores habituais para uso de materias orgánicas, plásticos ou cartóns. Apuntan que a veciñanza "vese na obriga de desprazarse ata A Gudiña, onde se atopa o punto limpo máis preto para poder desfacerse de electrodomésticos, algo que non é doado debido aos quilómetros a percorrer e ao volume destes enseares".

Os socialistas denuncian que ante a ausencia dun punto limpo, "non é raro atoparse con frigoríficos, cociñas, televisións ou outros elementos como váteres ou lavabos que son abandonados de xeito sorprendente en diversos lugares". Destacan que en puntos como a Casa da Cultura ou a estrada da Galega a Fornelos "é raro o día no que non aparece algún electrodoméstico, que incluso chegou a caer as augas do encoro, co problema que isto supón por mor de compoñentes altamente contaminantes e que pon en risco a saúde de veciños e veciñas".

"Non podemos consentir que se creen vertedoiros incontrolados e por este motivo temos que facilitar que a veciñanza poida desfacerse dos elementos que xa non son de utilidade nos seus fogares", apuntan os socialistas. Destacan que nalgúns municipios ca mesma carencia, "resolveron esta problemática coa colocación de contedores industriais como os que se usan na construción para depositar o escombro e que son baleirados unha vez están cheos". Deste xeito, dende o Grupo Municipal Socialista consideran que esta medida "serviría para paliar esta problemática no caso de que non sexa posible habilitar un punto limpo".

NOTICIAS VIANA | O PSdeG pídelle ao Concello un punto limpo para Viana do Bolo