
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social, puxo en marcha a iniciativa "Coidados porta a porta" para achegar servizos asistenciais de prevención da dependecia ós concellos rurais do territorio. Un programa que conta con oito autobuses para percorrer o territorio, permanecendo entre tres e catro días en cada localidade.
A partir de mañá, o programa chega de novo á comarca para ofrecer consultas de audioloxía, estimulación da memoria e podoloxía a persoas maiores de 55 anos. Servizos de carácter gratuíto para os que é necesario pedir cita previa. O obxectivo da Xunta é que as persoas maiores podan permanecer atendidas na súa contorna, sen necesidade de desprazarse.
A consulta de audioloxía ofrece unha valoración e exploración funcional da audición e trabállase na prevención da perda auditiva. No servizo de podoloxía faise unha consulta básica coa valoración do estado xeral do pé, corte e limpeza de uñas e a eliminación de durezas, calos e helomas.
Por outra banda, no servizo de estimulación da memoria, un profesional realizará a valoración cognitiva da persoa e achegará as pautas dende unha perspectiva terapéutica de como previr e aminorar o deterioro, en caso de habelo.
Localidades e datas de consulta
- Laza: do mércores, 20 de setembro, ó venres 22 de setembro.
- Cualedro: dende o luns, día 25 de setembro, ata o mércores 27.
- Oímbra: dende o luns 25 ata o xoves 28 de setembro.
- Verín: días 28 e 29 de setembro e o luns 2 outubro.
- Vilardevós: venres 29 de setembro e os días 2 e 3 de outubro.
- Monterrei: os días 3, 4 e 5 de outubro.
- Castrelo do Val: do mércores día 4 ó venres día 6 de outubro.
- A Gudiña: os días 6, 9 e 10 de outubro.
- Riós: do 9 ó 13 de outubro. O xoves 12 non se farán consultas por ser festivo.
- A Mezquita: días 11, 13, 16 e 17 de outubro.
Pódese solicitar a cita previa nos teléfonos 622 748 283 - 623 546 992 ou a través do correo electrónico: [email protected].