
A falta de acceso a unha vivenda digna, axeitada e accesible impide a loita contra a pobreza en Galicia. Unha problemática que veñen traballando dende o Centro de Desenvolvemento Rural Portas Abertas e que poden comprobar cada día. É por iso, que se unen á campaña de visibilización #EmerxenciaVivenda.
Unha campaña que pretende sensibilizar á poboación sobre a dificultade do acceso á unha vivenda digna. Organizada por EAPN-Galicia, a sede galega da Rede Europea contra a pobreza que aglutina a entidades representativas de colectivos vulnerables, a campaña chegará a Verín en forma de exposición o 16 de xuño.
Centrada na emerxencia residencial e habitacional na que mal viven un gran de número de persoas en Galicia, o CDR Portas Abertas participa nista campaña de sensibilización abordando a problemática concreta da vivenda no rural. Tamara Balboa, coordinadora da entidade, explica que "no rural hai moita vivenda baleira e moi pouca mobilizada".

Non é o único problema, moitas das vivendas son, en realidade, infravivendas. Sen acceso a servizos básicos que dificultan, inda máis, as condicións de vida. En Galicia, antes da pandemia, a exclusión residencial afectaba ó 35% da poboación. Unha cifra altísima que segue a medrar polo elevado gasto que supón manter unha vivenda hoxe en día.
Dende o 16 de xuño e ata o 23, permanecerá no Auditorio de Verín a exposición #EmerxenciaVivenda. Unha campaña que quere pór de manifesto a gravidade do problema de acceso á vivenda e a insuficiencia das medidas que se poñen en marcha dende as administracións públicas.