sábado. 20.04.2024
interior galego vivo 2023_02
Membros do partido Interior Galego Vivo en Santa Cruz de Viana, Chantada, onde ten a sede a rede cidadá. | FOTO: Interior Galego Vivo.

A rede cidadá Interior Galego Vivo suma candidaturas nas eleccións municipais do 28 de maio na bisbarra. Así, terá representación no concello de Vilardevós con candidatura propia e no de Laza, uníndose a Xuntos por Laza. A través destas candidaturas, "IGV defenderá medidas que garantan que as persoas que habitamos o interior galego non teñamos menos dereitos por vivir onde vivimos", declaran dende a organización.

Dende Santa Cruz de Viana, parroquia rural de Chantada onde, de xeito moi simbólico, ten a sede o partido, Interior Galego Vivo presenta un decálogo de medidas fundamentais para defender un rural galego habitado e habitable. Medidas urxentes que garantan un futuro digno para as bisbarras do interior galego. 

"Queremos concellos activos na defensa dos dereitos da cidadanía e do futuro da vida no interior galego, en lugar de administracións pasivas que se adican a xestionar as migallas e facer propaganda namentres seguimos a perder poboación", subliñan dende o partido.

Deste xeito, a proximidade dos servizos básicos, garantindo que non haxa máis de media hora de desprazamento ata estes, ou unha fiscalidade rural que dinamice os territorios con alto grao de envellecemento, con bonificacións na Seguridade Social das pequenas empresas, son algunhas das medidas que van presentar nas distintas candidaturas nos concellos de Laza e Vilardevós. 

interior galego vivo 2023
Presentación do partido Interior Galego Vivo en Santa Cruz de Viana, Chantada. | FOTO: Interior Galego Vivo.

Outro dos eixos fundamentais que defenderá o partido Interior Galego Vivo nas súas candidaturas é o cambio no modelo e atención ás persoas maiores e dependentes, con medidas concretas como o "aumento das horas do Servizo de Axuda no Fogar, que ten que ser público e con boas condicións laborais, e servizos de proximidade, así como por un modelo residencial micro no medio rural e baseado nunha atención centrada na persoa".

IGV defende que dende as administracións locais se podan impulsar políticas de apoio á produción agraria e gandeira de proximidade e dos mercados locais, inicidindo na realidade de que "o rural vivo é esencial para a alimentación da Humanidade, máis nun contexto de cambio climático"

"Os Concellos deben asumir un rol protagonista na defensa e no impulso dun rural con futuro"

 

Deste xeito, o partido nacido como unha rede cidadá promove que os concellos asuman un rol protagonista para compatibilizar as instalacións de enerxía renovable coa xeración de emprego e o respecto á paisaxe e, ó tempo, evitar macroproxectos empresariais depredadores do medio. Por iso, defenden crear un canón enerxético para concellos e persoas propietarias e pór en marcha unha xeración distribuída que afonde nun modelo descentralizado e máis sustentable.

Garantir que a atención sanitaria no medio rural cumpra cos estándares de calidade axeitados, dotándoa de recursos materiais e persoais, é outra das medidas que propoñen dende a formación política. Unha defensa da Sanidade Pública que contempla polo impulso dun programa de saúde bucodental universal e gratuíto e pola dotación da especialidade de Fisioterapia nos centros de saúde do rural.

Respecto á vivenda, dende Interior Galego Vivo apostan porque os concellos sexan os protagonistas na dotación de vivenda pública con medidas que mobilicen a vivenda baleira para destinala a alugueiro social, que apoien o alugueiro e a reforma da vivenda habitual para a xente moza e que simplifiquen os trámites para a regularización das vivendas no medio rural. Tamén, promoven a eliminación do imposto de Transición Patrimonial para a adquisición da primeira vivenda.

NOTICIAS VERÍN | Interior Galego Vivo presenta un decálogo de medidas para garantir un...