
O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González presentaba esta mañá a terceira convocatoria do programa ÚNICO-Banda Ancha, que levará a conexión a internet mediante fibra óptica a 1.283 familias e empresas de zonas rurais e remotas da provincia co obxectivo de completar a conectividade dixital ultrarrápida do territorio.
González presentaba esta nova liña no encontro mantido no salón de actos da Casa da Cultura do Concello de Verín cos alcaldes e alcaldesas dos concellos da comarca, sinalando que esta inversión levará internet de banda ancha a “máis de 4.000 veciños e veciñas da comarca mellorando a conectividade en 596 núcleos de poboación”.
O plan, xestionado polo goberno estatal, suporá un investimento de 2,9 millóns de euros para acadar o obxectivo de conectividade total do territorio no 2027. Sumando os proxectos xa en marcha ós que se executarán coa actual convocatoria, beneficiaranse un total de 57.056 fogares e empresas da provincia, cunha inversión de 23,6 millóns de euros.
Plan Único Demanda Rural
Emilio González tamén destacou a convocatoria do Plan Único Demanda Rural, destinado a mellorar a cobertura nas zonas remotas e rurais nas que, polo de agora, non chega a conexión mediante fibra. O subdelegado do Goberno en Ourense subliñaba que, con ista iniciativa, ”incídese na democratización e ruptura da fenda dixital”.

O programa utiliza a tecnoloxía por satélite, permitindo ó acceso á alta velocidade en territorios remotos nos que non se poida dispoñer de fibra a un prezo que non poderá ser superior ós 35€ mensuais. Emilio González afirmaba que se trata dunha “moi boa nova para unha provincia cunha extensión territorial e montañosa como a de Ourense”.