Venres. 29.03.2024
A formación presentou a súa candidatura provincial arroupada polo seu voceiro Luís Villares

Un "monstruo" vén a ver a En Marea no Barbaña

En Marea presentou este xoves a candidatura coa que a formación aspira a "sacar do ostracismo á provincia de Ourense e a levar alto e claro a súa voz dentro dun Congreso dos Deputados máis aberto que nunca", destacou o voceiro, Luís Villares. Alí estaban todos os membros das listas ao Congreso e ao Senado, capitaneados por Iván Olmos -que amosou una alta capacidade para a dialéctica política- e Millán Brea, respectivamente.

Os candidatos de En Marea ao Congreso e ao Senado por Ourense déronse cita este xoves á tarde no Parque Barbaña da capital para presentar a súa proposta política e poñer en valor o talento ourensán. "Vimos dunha época de sufrimento na época de crise que en Ourense tivo forma de silencio, pois acentuou a emigración, a desertificación e o abandono. E a indignación que noutras partes se volvía clamor aquí convertiuse en silencio", destacou Luís Villares, o voceiro da formación no Parlamento galego que se desprazou ata a Ourense para arroupar aos seus representantes pola provincia.

Antes do cabeza de lista pola provincia, do que se achega a súa intervención íntegra, falaron Sonia Couso -número catro ao Congreso- e o primeiro da candidatura ao Senado, Millán Brea, que puxeron enriba do atril cuestións tan preocupantes como a vaga de lumes ou o éxodo dos xóvenes ourensáns.

Iván Olmos Ferreiro, candidato por Ourense ao Congreso de En Marea.

Pero foi a alocución de Iván Olmos Ferreiro a máis destacada de todas elas, na que amosou a súa innata e consolidada capacidade dialéctica facendo unha deprimente radiografía da situación global de Ourense. O limián campión mundial de discursos, durante dez minutos, ofreceu algunhas das apostas da súa formación para a provincia da que di, por enriba de todo, "non quero marchar".

Un "monstruo" vén a ver a En Marea no Barbaña