viernes. 26.04.2024
Rosario Rodríguez, secretaria local del PSdeG, presidiendo la mesa electoral.
Rosario Rodríguez, secretaria local do PSdeG, presidindo a mesa electoral.

O PSdeG-PSOE de Ourense celebrou este domingo a xornada de votación entre a militancia en 22 centros repartidos por toda a provincia, para a elección da lista de delegados e delegadas para o 40 Congreso Federal do PSOE, que terá lugar en Valencia os próximos días 15, 16 e 17 de outubro. Impúxose a lista liderada polo alcalde de Carballiño, Francisco Fumega, con 548 votos, frente á candidatura encabezada por Noela Blanco, con 369.
 

Na comarca establecéronse mesas electorais en Verín, Riós, Castrelo do Val e Vilardevós. Nas dúas primeiras impúxose a lista apoiada pola Dirección provincial con 30 votos sobre oito en Verín, e 24 sobre sete en Riós. Pola contra, nos municipios de Castrelo do Val e Vilardevós foi a lista alternativa liderada por Blanco Rodríguez a que se impuxo á oficialista: no primeiro dos concellos, onde goberna Vicente Gómez, a candidatura da dirección só recibiu un voto fronte os 11 de Noela. No caso de Vilardevós, o resultado foi máis axustado, aínda que gañou a papeleta dos críticos por tres votos de diferencia (7 - 4).

 

Ao final da xornada, desde a sede provincial do PSdeG-PSOE, Fumega quixo "darlle as grazas ao conxunto dos militantes, votáranme ou non" e tamén "as grazas ás persoas que estiveron traballando nas mesas". "Dicir que este proceso é para unirnos, somos compañeiros e vamos remar todos os militantes na mesma liña, porque da unión dos militantes que conforman este partido con 120 anos de historia, vai saír a posibilidade de acadar resultados que ó final perseguen, na miña concepción, mellorar a calidade de vida da xente", proclamou.

"Algo que non pasa noutros partidos"

Así mesmo, o candidato e alcalde do Carballiño salientou que "o resultado está claro, non hai moito que discutir, é un 60/40" e a continuación engadiu que "estamos no mesmo barco, veñen procesos intensos para o partido e deses procesos dependerá que poidamos gobernar esta provincia e a maioría dos seus concellos". "Esa é a conclusión que debemos sacar hoxe, temos un partido marabilloso, con militantes marabillosos que teñen a liberdade de escoller as opcións que queren, algo que non pasa noutros partidos", concluíu entre as felicitacións e loubanzas dos e das militantes do Partido Socialista que alí se encontraban.

A lista de delegados e delegadas pola provincia de Ourense será a seguinte:

1. Francisco Fumega

2. Sara Inés Vega

3. Rafael Rodríguez

4. Uxía Tizón

5. Eduardo Ojea

1. Noela Blanco

2. Jose Antonio Nóvoa

3. Natalia González

Os militantes socialistas de Vilardevós e Castrelo desmárcanse da lista oficial da...