sábado. 20.04.2024
Os seus usuarios aprenderon un pouco máis, grazas á cadea de supermercados, do estilo de vida saudable

O centro de día Raiola de Verín festexa o seu primeiro medio ano de vida cunha viaxe polo tráiler do Gadis

O centro de día para maiores municipal de Verín festexa hoxe o seu primeiro medio ano de vida. Os seus responsables, fieis á misión fixada, manteñen o réxime de actividades que só buscan manter activos, física, mental e emocionalmente, aos seus usuarios. 

Os usuarios do centro de día Raiola de Verín recibiron, incluso a felicitación do televisivo Xosé Ramón Gayoso.

raiola1
Os maiores de Raiola percorreron as instalacións do tráiler do Gadis no que se convida a un modo de vida saudable.

Os usuarios do centro de día para maiores de Verín -Raiola- tiveron esta mañá unha actividade especial fóra das instalacións municipais. Coincidindo cos seis primeiros meses de vida desta institución -inaugurou de xeito oficial a súa actividade o pasado 8 de abril-, os seus maiores percorreron os escasos metros que os separaban -dende os baixos da praza de Abastos da vila- ata o tráiler de Supermercados Gadis, estacionado na praza García Barbón de Verín.

Durante algo máis de media hora visitaron as instalacións móbiles da cadea de supermercados, nas que se amosaba información relativa a como manter un estado de vida saudable e compatible cunha elevada esperanza de vida. 

raiola2O tráiler da cadea de supermercados estará todo o que queda de día na praza García Barbón. 

Chelo Ferreiro, directora do centro de día para maiores de Verín, asegurou que este tipo de visitas e actividades paralelas ás que se realizan nas "nosas instalacións, conseguen manter aos nosos usuarios apegados á realidade que acontece ao seu arredor. Non hai moito tempo, unha ducia dos nosos maiores visitaron as adegas de Crego e Monaguillo nun dos días de maior actividade desa destacada industria vitivinícola da comarca; hoxe, a visita foi moito máis curta, pero o obxectivo era o mesmo, manter aos nosos maiores non só activos, senón tamén moi apegados á realidade do día a día do resto da sociedade".

Temos establecido como principal misión desta institución pública facer do centro de día un lugar onde os maiores que acudan recuperen a actividade física e mental que tiñan cando eran máis mozos (Chelo Ferreiro, directora do centro de día municipal para maiores de Verín)

Ferreiro Fernández aproveitou para facer un balance destes primeiros 180 días de vida do centro que dirixe: "Todos os comezos son difíciles, pero teño a seguridade, porque así mo transmiten as familias dos nosos usuarios, que estamos facendo as cousas ben. Tivemos maiores que chegaron aquí con notables deficiencias cognitivas e que grazas á nosa educadora social e os nosos xerocultores, experimentaron unha progresión que nos fai seguir traballando coa ilusión do primeiro día". Chelo Ferreiro afirmou que "temos establecido como principal misión desta institución pública facer do centro de día un lugar onde os maiores que acudan recuperen a actividade física e mental que tiñan cando eran máis mozos. Temos que fuxir da idea preconcebida de que os maiores, polo feito de selo, teñen que ir a un ritmo máis lento có resto da sociedade", sinalou. 

Entre as moitas felicitacións que recibiron, quíxose sumar tamén o televisivo e incombustible Xosé Ramón Gayoso, presentador de Luar, da TVG, como así se amosa no seguinte vídeo:

DOUS PRATOS, POSTRE E CAFÉ POR SEIS EUROS

Unha das recentes novidades, no que a servizos se refire, implementada polo centro de día foi a posta en marcha do comedor público, ao que poden acceder todos aqueles maiores de 65 anos ou menos con algunha discapacidade recoñecida para xantar ao prezo de 6 euros e cun menú elaborado de dous pratos, postre, café e bebida. Oportunidade que se incorpora ao catálogo de servizos que xa ofrece dende a súa inauguración, de residencia 12 ou 6 horas, segundo as necesidades, nos baixos da praza de Abastos da vila. 

O centro de día Raiola de Verín festexa o seu primeiro medio ano de vida cunha viaxe...