venres 27/05/22
Ata o domingo ás 23,59 horas poderá votarse á lista capitaneada polo limián

Os simpatizantes de En Marea escollerán esta fin de semana aos seus candidatos ás Xerais

Iván Olmos Ferreiro, o limián colaborador deste xornal, graduado en Comunicación Audiovisual e campión mundial de discursos, presentou no Campus Universitario de Ourense a súa candidatura ás primarias de En Marea, coa que aspira a obter representación no Congreso e Senado pola provincia. Estivo acompañado de membros do seu equipo e de Millán Brea, número un á Cámara Alta se esta proposta é a máis votada polos simpatizantes da formación. Durante esta fin de semana poderase exercer ese voto de xeito telemático.

Iván Olmos Ferreiro, candidato por Ourense ao Congreso de En Marea.
Iván Olmos Ferreiro, o limián colaborador deste xornal, na presentación da súa candidatura "O mar non ten cancelas".

Iván Olmos Ferreiro, limián de nacemento, graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Santiago de Compostela, campión mundial de discursos no recente certame chileno e colaborador deste diario presentou onte no Campus Universitario da capital de As Burgas a súa candidatura "O mar non ten cancelas", coa que aspira a liderar a oferta política da formación En Marea para obter representación nas cámaras do Congreso e Senado nas vindeiras eleccións xerais do mes de abril.

Olmos Ferreiro estivo acompañado da meirande parte dos membros da súa proposta, entre os que estaba o nome escollido para o Senado, o mestre Millán Brea.

O candidato ao Congreso, Iván Olmos, afirmou no acto público de presentación que "xa é tempo de que Ourense teña, por fin, unha representación digna no Congreso dos Deputados que traballe con autonomía e sen tutelas, e que sexa quen de situar os problemas máis importantes da provincia no debate político estatal, problemas dunha importancia capital, como son o reto demográfico, a desprotección dos sectores produtivos ou mesmo a falta de inversión en infraestruturas esenciais para o desenvolvemento desta provincia", sinalou.

"Xa é tempo de que Ourense teña, por fin, unha representación digna no Congreso dos Deputados que traballe con autonomía e sen tutelas, e que sexa quen de situar os problemas máis importantes da provincia no debate político estatal", dixo Iván Olmos na presentación da candidatura que lidera

Pola súa banda, Millán Brea, incidiu na necesidade de traballar para reverter o elevado índice de emigración xuvenil, así como o avellentamento que afecta ao conxunto do país e que ten especial incidencia na nosa provincia. “É momento de recuperar a ilusión. O Senado non pode ser o premio para a xente que leva anos en política, ou que se presta a favores para loitar polas presidencias provinciais de determinadas formacións políticas, senón unha cámara activa ao servizo da cidadanía”, indicou.

En Marea anima a todas as persoas inscritas a pronunicarse e tomar parte activa no proceso de primarias que se desenvolverá a esta fin de semana. Dende hoxe venres 8 ás 9,00 horas e ata o domingo 10 de marzo ás 23,59 estarán abertas as votacións para o deseño das candidaturas coas que a formación concorrerá ás próximas eleccións xerais e europeas, que no caso da provincia ourensán será, previsiblemente por ser a única, a que encabeza Iván Olmos.

Os simpatizantes de En Marea escollerán esta fin de semana aos seus candidatos ás Xerais
comentarios