domingo. 19.07.2026
Ourense é a provincia máis favorecida na concesión dos programas duais de emprego

A IMAXE | Arrancan os novos obradoiros de emprego na bisbarra

20241202 Inicio obradoiro emprego Rodeiro da Cota, castrelo, Riós, Vilardevós
Castrelo do Val, Riós e Vilardevós únense no obradoiro "Rodeiro da Cota" para mellorar a empregabilidade de 20 persoas.

Comeza decembro e dáse inicio aos obradoiros de emprego na bisbarra. Co obxectivo de mellorar a empregabilidade, as corporacións locais de Castrelo do Val, Riós e Vilardevós uníanse este ano por primeira vez para poñer en marcha unha iniciativa conxunta que beneficia a 20 persoas. Un programa mixto de emprego e formación que ten por finalidade ocupar a persoas desempregadas mediante a realización dun traballo efectivo en obras de interese xeral e social que incide na súa cualificación e favorece unha posterior inserción laboral.

O pasado mes de marzo iniciaban os trámites para a creación do obradoiro de emprego "Rodeiro da Cota", nome escollido por ser a zona na que se unen os tres ámbitos municipais. En agosto, a Xunta de Galicia aprobaba o proxecto e concedíalles una subvención por valor de 411.928 euros. Agora, comeza a formación en dúas especialidades: actividades auxiliares de acabados ríxidos e urbanización e actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería. 

 

O "Búbal IV" en Monterrei, Cualedro e Oímbra

Tamén en Monterrei houbo acto oficial de inauguración do obradoiro de emprego "Búbal IV", ao que acudirán 20 persoas. O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, asistía acompañado do seu alcalde, José Luis Suárez, o alcalde de Cualedro, Luciano Cuquejo, e Ana Villarino, alcaldesa de Oímbra. As tres corporacións locais volven compartir programa de emprego. Neste caso, súmase unha especialidade máis: atención sociosanitaria a domicilio.

20241202 Inauguración obradoiro Búbal IV. 2 Manuel Pardo, Ana Villarino, Luciano Rivero
Manuel Pardo, delegado territorial da Xunta en Ourense, asistía á inauguración do obradoiro de emprego "Búbal IV". 

 

O representante do Goberno galego salientou a importancia destas medidas: "A maiores de formar a persoas con especiais dificultades de inserción laboral que desenvolven un traballo de interese público remunerado, estes homes e mulleres poden obter un certificado de profesionalidade e, unha vez completen a formación, adquiren ferramentas para reforzar habilidades e competencias que respondan ás demandas do mercado laboral e permiten obter un emprego de calidade".

Manuel Pardo lembrou que Ourense é a provincia máis favorecida da concesión dos novos obradoiros duais de emprego polo Goberno galego con 27 en total. 

A IMAXE | Arrancan os novos obradoiros de emprego na bisbarra
Comentarios