A Feira MUMi é un encontro que convoca a profesionais do sector musical e cultural galego e portugués co obxectivo de crear unha ponte de ida e volta real e estable para a música. O encontro reunirá a artistas e bandas, promotoras, empresas de management, festivais, discográficas, empresas de servizos e produción, etc. para compartir ideas, crear sinerxías sólidas, establecer novas redes de contacto e coñecer novas propostas en primeira persoa.
Con esta feira, os organizadores do evento tentan tecer redes profesionais que fortalezan realmente o sector musical profesional e xerar sinerxías que repercutan a medio prazo na produción e comercialización das músicas dos dous países; que Galicia e Portugal poidan cooperar directamente, recoñecéndose como sectores profesionais, xeradores de riqueza e diversidade; fixar unha axenda de traballo conxunto a nivel sectorial, empresarial e institucional; interpelar ós medios de comunicación para que a música galega e portuguesa volva ser unha prioridade de xeito natural; e ser o espazo de referencia para seguir a actualidade musical de Galicia e Portugal.
O MUMi está promovido dende unha asociación integrada por empresas, profesionais e colectivos do sector musical galego e portugués; e apoiado polo programa da Xunta ‘O teu Xacobeo’. O xoves 12, ás 19:30 horas, está previsto un gran concerto de benvida, aberto a toda a poboación, que será presentado pola cantora galega Uxía e o cantor portugués Rui David. As propostas escollidas para esta apertura oficial xiran en torno ás músicas urbanas, que na parte galega se encargarán de representar o Neo Soul de Nastasia Zürcher e o Hip Hop de Dios ke te crew, mentres que pola banda portuguesa, as internacionalmente exitosas rimas da banda de Hip Hop, Dealema.
O programa do MUMi.
O MUMi organiza actividades para público profesional, cerradas ao resto de audiencia, pero tamén organiza espazos musicais abertos a toda a poboación.
Programa de showcases profesionais
O xoves, as presentacións musicais para o público profesional comezarán ás 12:00 horas na sala 1 do Auditorio coa proposta de Magín Blanco e A Banda das Apertas destinada a público familiar e que contará con público das escolas de primaria de Verín. Ás 13:30 horas, na sala 2, o portugués Luca Argel tentará seducir aos asistentes co seu samba doce e intimista. E xa pola tarde, ás 18:30 horas, nesa mesma sala, a cantautora galega Silvia Penide presentará o seu novo traballo.
O venres, serán os galegos Ezetaerre os que abran a programación de showcases ás 12:00 horas na sala 1 do Auditorio co seu rap combativo que poderá desfrutar tamén o alumnado de secundaria da vila. Ás 15:30 horas, Barry White Gone Wrong achegara uha proposta de rock, soul e rythm and blues. Ás 17:00 horas, o jazz de Xacobe Martínez Antelo Trío na sala 2 do Auditorio, e para rematar a xornada de concertos para profesionais, unha maridaxe nas Bodegas Tapias Mariñán, amenizada coa proposta musical tradicional de composición propia da formación galega Oîma.
Actividades profesionais
No Auditorio de Verín, desenvolveranse 6 palestras arredor de temas de interese para o sector musical. O xoves está programado ás 11:00 horas o faladoiro Festivais: Creando experiencias arredor da música, ás 16:00 falarase das Diferentes fórmulas de apoio á música, e ás 17:00 horas abordarase O asociacionismo na xestión musical. Na xornada do venres, o IGAPE ofrecerá ás 11:00 horas unha sesión informativa sobre o Financiamento público á produción musical, ás 13:00 falarase de Booking internacional e ás 16:00 ofrecerase unha panorámica sobre a situación das Salas de Concertos galegas e portuguesas e a posibilidade de tecer redes entre elas.
Actividades abertas ó público
O MUMi, ademais de tecer redes dentro do circuíto profesional, quere facer partícipe a toda a cidadanía da riqueza que existe a ambos lados da raia. A programación aberta ó público acontecerá en varias franxas horarias. Durante as mañás, no Auditorio, haberá concertos que contarán coa participación de escolares.
O concerto de benvida e os últimos showcases de cada xornada tamén estarán abertos ó público, precisando entrada para os concertos no Auditorio e na Casa da Cultura, mentres que a entrada nos bares é libre. O xoves, as portas da Casa da Cultura de Verín abriranse para que o público escoite o pop nostálxico e introspectivo da banda portuguesa Cassete Pirata. A continuación, no bar Meigallo, o rock and roll sesentudo dos galegos Familia Caamangno, e para rematar a festa, a electrónica do proxecto vigués Pálida no bar Lusco Fusco. O venres, ás 20:30 horas, no Auditorio, Os D’abaixo mostrarán un repertorio que atopa inspiración na música tradicional galega, e ás 21:15 horas, os portugueses Bed Legs despregarán tamén no escenario do Auditorio o seu rock intenso. O Sonoro Maxín estará no bar Meigallo e Spicy Noodles no Lusco Fusco.
Todas as actividades programadas para a xornada do sábado estarán tamén abertas ó público. A partir das 11:00 horas, na Casa da Cultura, presentaranse dous libros que nos falan de música: Magin Blanco, o camiño da luz, con Carlos Rego, e Guadi Galego, pola beira da canción, con Pepe Cunha. Ás 11:30 horas na Praza García Barbón, A Organeta despregará a súa proposta de animación de rúa, e ás 12:00 horas o Encontro de música tradicional de Galicia e Portugal coas agrupacións Candaira de Castrelo do Val e Danças e Cantares de Mazedo (Monçao).