martes. 16.04.2024
Festa Lacón Grelos Cuntis 2023 (2)
O domingo serán servidas miles de racións en Cuntis para degustar o tradicional "Lacón con grelos". | FOTO: Concello de Cuntis.

A Festa do Lacón con Grelos de Cuntis chega ó seu 24 aniversario este ano. Durante toda a fin de semana, Cuntis celebrará un festexo con numerosos eventos e actividades que culminará o domingo, día 26, coa degustación do tradicional plato.  A popular actriz Eva Iglesias será a pregoeira dun evento que presenta un apretado programa de actividades no que a música terá un papel destacado e a artesanía local comparte espazo coa xornada gastronómica.

Os festexos arrancarán o venres, día 24, coa Gala do Chapante, figura que representa unha crítica mordaz ás xentes lambonas e preguiceiras. O mesmo venres, día 24, actuará o grupo “Supermirafiori”; o sábado será a quenda do concerto solidario de “Los Secretos" e da gran festa "Guatequelacón" a cargo da disco-móbil Chocolate. Ó longo de toda a fin de semana, a música percorrerá as rúas da vila a cargo da Agrupación de Música e Baile Tradicional e da Banda de Acordeóns de Cuntis, da Banda Municipal de Música de Vilaboa, da Escola de Música de Cuntis e da Banda de Música de Lubián (Zamora).

O domingo será o día grande da festa, xornada na que a artesanía da zona compartirá protagonismo coa degustación gastronómica. A vila de Cuntis leva máis de dúas décadas celebrando unha festa que combina a exaltación da gastronomía típica do inverno cos últimos días do Entroido, nun festexo declarado de Interese Turístico de Galicia no que recuperaron o enterro do Chapante.

Festa Lacón Grelos Cuntis 2023 (1)
A exposición de camelias é unha das máis visitadas. | FOTO: Concello de Cuntis.

Xa pola mañá, abriranse as distintas mostras programadas: “A camelia no Lacón con grelos”, “Un baño de mel”, “O traxe tradicional de Entroido”, “Cerámica de Castrolandín” e a "Mostra de Encaixe das palilleiras". Ademais, estrearase a obra “Augas de Cuntis”, unha rumba composta polo mestre-gaiteiro Xoan Carlos Rilo. Noela Torres, restauradora técnica de AGA, realizará un showcooking sobre as diferentes formas de preparar o lacón con grelos.

Á hora do xantar, repartiranse milleiros de racións de Lacón con Grelos, tanto na carpa popular instalada polo COncello de Cuntis como nos restaurantes da vila. Xa pola tarde a programación céntrase na cativada coa apertura de inchables, a actuación infantil “Peor Imposible”, o obradoiro de filloas e a actuación do grupo “All Stars”. Os festexos rematarán ás 19.30 horas co velorio e posterior enterro do Chapante.

Exaltación gastronómica en Cuntis esta fin de semana na XXIV Festa do Lacón con Grelos