sábado. 27.07.2024
O Trebón do Mildeu - folión laza 2023 (5)
O Trebón do Mildeu durante o primeiro Folión de Laza o pasado venres. | FOTO: Pedro Senén.

Fin de semana cargadiña de eventos entroideiros para ir satisfacendo as ganas que lle temos. De venres a domingo poderemos escoller entre as diferentes actividades ó redor do Entroido que haberá en Albarellos, Laza e Matamá. Iniciará a programación Laza, co seu segundo folión o venres. O sábado temos dobre sesión: a cuarta edición do Encontro pre-Entroido en Albarellos e o segundo folión de Matamá. O domingo, día dedicado á fotografía do Entroido co visionado de imaxes de Roberto de la Torre en Laza.

O segundo folión pequeno de Laza comezará ás 23 horas do venres acompañados, de novo, polo Trebón do Mildeu, encargados de animar o percorrido dos entroideiros e entroideiras. Chocas, fachóns, disfraces e bombos sairán dende a Cerdeiriña para percorrer o Outeiro, A Picota, A Rúa do Cruceiro, o Couto, a estrada de Vilar de Barrio, Souteliño e volta a Laza para chegar ata Cimadevila.

O sábado celebrarase o IV Encontro pre-Entroido en Albarellos. Será na Praza Ángel Medeiros, a partir das 19:30h, onde se xuntarán todas as persoas que queran facer soar as súas chocas e percorrer as rúas da aldea acompañadas polo bombos do Trebón do Mildeu. Para recuperar os folgos, a partir das 21:30h na mesma praza, haberá unha churrascada popular. E non esquecemos o sorteo dunha cesta de produtos típicos do tradicional cocido do Entroido. E, se inda tes ganas de máis, en Matamá teñen o segundo folión, a partir das 23h acompañado co son dos Chimpafigos - Dragóns Vermellos.

domingo, as xornadas "Tempo de Entroido" organizan unha nova actividade en Laza. O baixo da Casa do Concello acollerá o visionado dunha escolma de fotografías e vídeos realizados por Roberto de La Torre sobre os entroidos de Laza, Castro e Matamá. Será a partir das 16 horas. Unha boa oportunidade de coñecer o traballo diste fotógrafo, especializado nas mascaradas do norte da Península.

ENTROIDO 2023 | A comarca quece motores ista fin de semana coas xornadas "Tempo de...