Xoves. 28.03.2024
Conferencia en Raiola este mércores, 12 de febreiro, impartida por Luísa Rodríguez

"Unha caricia, un bico e un abrazo, ás veces curan máis que catro pastillas"

Luísa Rodríguez Martínez participará no ciclo de conferencias do centro de día Raiola para dar a coñecer as claves para coidar a persoas encamadas. Este mércores 12 de febreiro, ás 20:00 horas ten a súa cita con todo aquel que queira achegarse para formarse e informarse sobre os coidados básicos que precisan estes pacientes.

Luísa Rodríguez, enfermeira que imparatirá unha charla sobre coidados básicos en persoas dependentes.
Luísa Rodríguez, enfermeira que impartirá unha charla sobre coidados básicos de persoas dependentes.

O centro de día Raiola está a celebrar un ciclo de conferencias para coidadores de persoas maiores coa finalidade de formar, informar e dar a coñecer aspectos importantes sobre o que atinxe a esta iniciativa. Este mércores, 12 de febreiro, ás 20:00 horas, a enfermeira Luísa Rodríguez Martínez será a encargada de dar a coñecer cales son os coidados básicos que precisa un paciente encamado. A vindeira semana, esta profesional será tamén a poñente da seguinte conferencia, sobre as úlceras por presión en persoas dependentes, unha continuación da charla que acolle mañá o centro de día Raiola.

Que entendemos por coidados básicos cando falamos de pacientes encamados?

A propia expresión “coidados básicos” xa fai referencia. Son as necesidades básicas que temos todos. Falamos da hixiene do corpo, da alimentación, da mobilización... Falando de pacientes que son dependentes, e precisan dunha segunda persoa que faga por ela o que facemos nós mesmos sen decatarnos... E non falamos só de persoas maiores, senón de persoas dependentes en calquera situación, aínda que no noso entorno a gran maioría son persoas de idade avanzada.

Que opina do traballo de coidador de pacientes encamados?

É un traballo moi duro, fisicamente e sobre todo, animicamente. O ser tan duro, pode causar o “síndrome do coidador queimado”, que é moi específico de persoas que están ao cargo de pacientes 24 horas, que non teñen descanso e que chega un momento no que a súa cabeza comeza a xirar nun círculo vicioso obsesivo e pensa que só serve el para coidar ao paciente. Son patoloxías que despois de que a persoa dependente faleza, entran nunha depresión moi grande e senten un oco moi grande, debido a que a súa vida estaba enfocada tan só ao coidado desa persoa. Non é unha broma. É psicoloxicamente duro, sen ser consciente céntrase toda a atención nese traballo e descóidase todo o demais que nos rodea.

Os coidadores son persoas que están facendo unha labor encomiable, e hai que darlles moita formación, pero sobre todo moito apoio emocional. Son dignos de admiración e hai que apoialos moito, a todos os niveis. Somos corpo e mente.

Os seres humanos cometemos erros por natureza, cal é o máis salientable que comete un coidador á hora de atender a unha persoa dependente?

Coido que o máis salientable é o tocante á mobilización. A xente entende que hai que asear e dar de comer ás persoas dependentes, pero ás veces esquécense do importante que é o tema de mover a unha persoa que pasa 24 horas na cama. Se moves a un paciente estás previndo un problema grave, unha ferida que poida acabar sendo unha úlcera, unha úlcera infectada e que acabe incluso provocando o falecemento do paciente. A xente non é consciente do perigo que hai.

Moitos coidadores din que non os moven porque están cómodos na cama, están durmindo ou lles dan pena, pero non se decatan de que así están a facelo mal, porque nós insistimos moito en que os mobilicen porque os favorece e evítanse feridas.

Nun estudo do 2014 da GNEAUPP estimouse que o custo en tratamentos das úlceras por presión foi de máis de 600 millóns de euros no ano en gasto sanitario, sendo máis de 90 mil persoas as que tiveron problemas de úlcera.

A vindeira semana continuará coa conferencia, no marco dos coidados básicos ao paciente encamado, falará concretamente das úlceras por presión. Que é isto?

Basicamente a úlcera é unha ferida producida por unha presión. Eu sempre poño o mesmo exemplo: se alguén está sentando sempre na mesma posición, ao cabo dunha hora acaba movéndose. Se non puidera moverse, prodúcese esa ferida. Isto levado a un tempo prolongado, a unha persoa que está encamada, que ten cueiro, sumándolle a humidade, a presión e a inmobilidade, pode provocar unha úlcera.

Son feridas que dan moitísimos problemas e provocan moitísimo gasto sanitario. Nun estudo do 2014 da GNEAUPP (Grupo Nacional para o Estudo e Asesoramento en Úlceras por Presión e Feridas Crónicas) estimouse que o custo en tratamentos das úlceras por presión foi de máis de 600 millóns de euros no ano en gasto sanitario, sendo máis de 90 mil persoas as que tiveron problemas de úlcera. O máis triste é que poderiamos facer un tratamento preventivo para evitalo, que tería un custo ao día de 1,7 euros, mentres que o gasto do tratamento tras a úlcera sería de 46 euros diarios. O 95% dos casos podíanse evitar.

Resúltalle gratificante esa parte do seu traballo que consiste en informar e formar ás persoas?

Parte do meu traballo é formar, polo que a min resúltame gratificante darlle ferramentas ás persoas. Como profesional a miña obriga é facer sempre educación sanitaria. Eu poño inxeccións, fago curas, tomo tensións e dou educación sanitaria.

Parte do noso traballo é iso, nun trato enfermeira-paciente, pero coido que tamén é importante impartir charlas para que quen queira coñecer máis dalgún tema concreto poida informarse e preguntar sobre as dúbidas que teña. Para min dar charlas –teño dado algunha- é moi gratificante, porque a xente é moi agradecida, e facer isto fora do traballo resúltame enriquecedor. O que pasa é que nos costa saír un pouco da comodidade e dar charlas a nivel comunitario, porque non temos a costume de facelo.

No tocante ao tema de formar e informar, que lle parece a iniciativa que está a ter o centro de día Raiola?

A iniciativa de Raiola paréceme fantástica porque coido que é unha maneira de achegarse á xente da rúa que tiña inquedanzas e non sabían onde preguntar. É unha forma de coñecer e aprender. Se a xente ten coñecementos, ten habilidades e ten seguridade, vai estar máis tranquila e vai vivir menos preocupada.

Coido que a xente que está soa e ten boas condicións, debe estimular a parte social e intelectual, e penso que a mellor forma de facelo é estar acompañado, polo que acudir a un centro de día é unha gran idea.

Vostede cre que é beneficioso para unha persoa maior acudir a un centro de día?

Si que me parece interesante, sobre todo se son persoas que viven soas, porque nesta zona que é moi rural, as persoas maiores cando quedan soas íllanse, non saen de casa e non socializan. Coido que a xente que está soa e ten boas condicións, debe estimular a parte social e intelectual, e penso que a mellor forma de facelo é estar acompañado, polo que acudir a un centro de día é unha gran idea.

Entón, paréceme fantástico que fagan actividades, que xoguen, que falen de recordos... Que non perdan as habilidades. Paréceme boa idea que acudan a centros de día, e ademais así, as familias tamén teñen un respiro, pola tranquilidade de saber que están en boas mans.

E xa para rematar, que consellos lle daría ás persoas que teñen que tratar con pacientes encamados?

En primeiro lugar, no tocante ao coidado de persoas dependentes, eu penso que o máis importante é facelo con cariño, porque as persoas maiores son moi vulnerables, e o que máis precisan é cariño. Pódenselle dar uns coidados de enfermería excelentes, pero se se tratan con frialdade e sen amosar cariño, eles non están a gusto nin se senten ben consigo mesmos. Polo tanto, eu coido que o cariño é o máis importante que se lle pode dar a unha persoa maior. Unha caricia, un bico e un abrazo, ás veces curan máis que catro pastillas.

E no que atinxe ás úlceras por presión, hai que ter claro que o mellor é a prevención.

"Unha caricia, un bico e un abrazo, ás veces curan máis que catro pastillas"