
O Concello de Viana do Bolo conta xa cun anteproxecto para levar a cabo unha remodelación integral da praza de abastos e transfomala nun multiusos, onde irán ubicados os comercios locais ademáis das diferentes asociacións e colectivos.
Nun vídeo difundido polo Concello, pódese ver un pequeno avance do que serán as futuras instalacións, coa distribución dos diferentes elementos e a zona exterior; e que o goberno local confía en poder entregar nas vindeiras semanas e comezar así a búsqueda de financiación.
Segundo explica o rexedor, Abelardo Carballo, o proxecto contempla a renovación integral da praza, dado o seu estado de abandono, unha vez desbotada a posibilidade de facer unha actuación provisional para correxir as deficiencias que presenta o edificio.
"Nun principio intentamos arranxar só a cuberta pero cando vimos como estaba todo, decidimos facer unha reforma integral", comenta o rexedor, quen espera poder licitalo canto antes, unha vez estén os informes técnicos.
O edificio, de dúas plantas, contará co mercado no primeiro andar, cos distintos postos, onde os comerciantes poderán vender os seus produtos autóctonos, e con aseos. Na planta baixa, estarán emprazados os locais das diferentes asociacións e a escola de música, onde poderán facer as distintas actividades. Tamén, haberá uns vestiarios destinados ás traballadoras da limpeza e para os efectivos de Policía Local.