
O investigador Bruno Rúa vén de rematar e por á venda unha das súas publicacións que está chamada a convertirse nunha referencia para os vellos e os mozos de todas as aldeas da comarca, como el vén a denominar "Tamagania". Logo de máis de 15 anos de traballo, case dous de continuas publicacións nas redes, uns tres mil kilómetros recorridos e máis de 14.000 fotos, o autor verinense acaba de publicar "Aldeas da Tamagania", un completo atlas de cada un dos lugares que conforman a comarca e a súa periferia onde, ordenados de xeito alfabético, están todos os núcleos de poboación -incluso aqueles que desapareceron- e dos que se conta algo da súa historia e algunha que outra particularidade.
"Pretendín dende un primeiro momento que fose un libro que evitase o esquecemento de moitas aldeas que, desafortunadamente, van a desaparecer nos vindeiros anos", dixo o autor
O resultado foi fiel ao propósito marcado polo autor: "Vai a ser moi complicado que eu sexa capaz de mellorar este traballo, pretendín dende un primeiro momento que fose un libro que evitase o esquecemento de moitas aldeas que, desafortunadamente, van a desaparecer nos vindeiros anos", afirmou Bruno Rúa.
Rúa percorreu todos e cada un dos núcleos dos que fala, dese xeito "a maior parte do que transcribo son palabras que a xente desas aldeas me prestou, creo que ao ritmo que vai a despoboación no rural, iste e non outro era o momento para tentar manter viva a tradición oral da nosa comarca. En 20 anos grande parte da nosa poboación xa non estará para contalo", explicou.
O autor tamén sinalou que a súa obra non estará á venda nas librarías. Os interesados en adquirir algún exemplar deberán contactar con Bruno Rúa polas redes sociais ou ben remitindo un correo electrónico a [email protected].