domingo. 19.07.2026
Postura firme do nacionalismo

O BNG exixe botar abaixo o acordo co Mercosur polo seu grave impacto no agro galego

A senadora Carme da Silva denunciando o impacto do acordo UE-Mercosur para as explotacións galegas.
A senadora Carme da Silva denunciando o impacto do acordo UE-Mercosur para as explotacións galegas.

BNG exixiu este martes ao Goberno do Estado que retire o seu apoio ao acordo comercial entre a Unión Europea e o Mercosur. A formación nacionalista considera que este tratado supón unha ameaza directa para miles de explotacións galegas ao permitir a entrada sen aranceis de 99.000 toneladas de carne de vacún, 180.000 de aves e 45.000 de mel.

A senadora Carme da Silva denunciou que o pacto supón unha competencia desleal, xa que os produtos importados non cumpren os estándares sanitarios, ambientais nin laborais esixidos en Galicia. Da Silva cualificou de "chover sobre mollado" esta situación, agravada polos custos de produción e o recorte de fondos agrarios. Así mesmo, o BNG criticou a incoherencia de presumir de políticas climáticas mentres se fomenta o transporte de alimentos a miles de quilómetros.

A formación tamén sinalou o "cinismo político" do Partido Popular, ao que acusa de ser coautor e impulsor do acordo en Bruxelas mentres agora pretende capitalizar o malestar do sector. Segundo a senadora, o PP reclamou durante anos que o Estado liderase esta sinatura. O BNG reivindica o seu traballo coherente en todas as institucións para evitar que Galicia sexa unha "moeda de cambio" en operacións xeopolíticas alleas aos intereses do país.

Finalmente, os nacionalistas reclaman un diálogo urxente co sector e unha rectificación no proceso de ratificación. O Bloque insiste en que a defensa do campo e do emprego digno non pode ser negociable ante un acordo que utiliza pesticidas e antibióticos prohibidos na Unión Europea.

O BNG exixe botar abaixo o acordo co Mercosur polo seu grave impacto no agro galego
Comentarios