A Coruña congregou unha marea de xente pedindo a derogación da lei

A IMAXE DE... | O espectacular respaldo social na protesta contra a lei do medicamento veterinario

A manifestación saía dende a zona do Obelisco e dirixiuse ás portas da Delegación do Goberno para pedir a derogación do Real decreto 666.

A profesión veterinaria está en loita polas "desastrosas consecuencias para o benestar animal" que vai supor a aplicación da nova normativa dos medicamentos veterinarios. Proba delo é a manifestación que houbo na Coruña o domingo, na que pedían a derogación do Real Decreto 666/2023 por "atacar á dignidade profesional, cargarse o criterio clínico e minguar a calidade asistencial aos animais".

 

Convocada polos Colexios Veterinarios de Lugo e A Coruña, e respaldada pola organización EVGal (Empresas Veterinarias de Galicia), a protesta contou cun grande apoio por parte da cidadanía. Unha marea de persoas encheron as rúas do centro coruñés para dirixirse cara á Delegación do Goberno en Galicia, onde foi lido un manifesto para pedir a derogación da normativa. Foi unha máis das múltiples mobilizacións que se deron no Estado contra a aplicación do Real Decreto 666/2023.

Á esquerda, María Xesús Blanco Sobrino, do centro veterinario verinés Albeitar e secretaria de EVGal.

 

A veterinaria María Xesús Blanco Sobrino, do centro veterinario verinés Albeitar e secretaria da organización Empresas Veterinarias de Galicia, asistiu á manifestación días despois de explicar a este xornal as consecuencias da aplicación da normativa.

 

Con múltiples pancartas con lemas como "Deixade ás veterinarias e veterinarios traballar" ou "Saúde animal sen barreiras", a profesión veterinaria dixo basta a unha normativa que limita a súa liberdade e o seu criterio clínico á hora de prescribir os medicamentos sanitarios, co consecuente detrimento da atención sanitaria aos animais.

Unha marea de xente inundou as rúas do centro coruñés apoiando a protesta veterinaria.

Pediron a derogación do Real Decreto 666/2023 mentres se escoitaban arengas en contra da normativa: "Menos burocracia, máis eficacia", "Animais sanotes, menos papelotes", "A liberdade de prescrición, ao carallo coa administración". O colectivo continuará mobilizándose ata conseguilo; a próxima manifestación será en Madrid o 5 de marzo, e o domingo 9 de marzo estarán en Santiago de Compostela.