A actuación máis urxente foi a renovación da cuberta

NOTICIAS VERÍN | O centro de saúde de Riós remata as obras de remodelación

Nova cuberta do centro de saúde de Riós.

O centro de saúde de Riós deixa atrás as obras de remodelación que comezaron o pasado mes de novembro, co obxectivo de optimizar as súas intalacións. En setembro, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; e a alcaldesa, Eva Barrio; asinaron un convenio para reparar a cuberta e acondicionar o seu interior.

 

Esta semana remataron as obras e o centro de saúde xa conta cunha nova cuberta, nos dous bloques exteriores, que garantiza un maior illamento térmico do edificio, a súa impermeabilidade e a seguridade da mesma. Neste proceso repúxose a anterior, que presentaba graves deficiencias e ocasionaba humidades no andar destinado ás consultas e á atención dos pacientes.

A sala de espera dispón de renovadas cadeiras para os pacientes e acompañantes.

 

Ademais, acometéronse outras actuacións sobre a carpintería exterior coa automatización de apertura das ventás localizadas nas consultas. En canto ao equipamento, o centro de saúde estrea novas cadeiras na sala de espera e tamén se colocaron novos estantes nunha das consultas.

En total, todas estas melloras supuxeron unha inversión superior aos 48.000 euros.

Estantes instalados no centro de saúde.