jueves. 25.04.2024
Eva Barrio, alcaldesa de Riós. | FOTO: Iván Iglesias.
Eva Barrio, alcaldesa de Riós. | FOTO: Iván Iglesias.

Este domingo, Riós celebrará a 27ª edición da Festa da Castaña e do Cogomelo, a primera con Eva Barrio como a alcaldesa do Concello. Durante todo o día non faltarán a música nin os produtos típicos desta época do ano, con degustacións gratuítas de castañas, e ademais, recuperarán o tradicional xantar popular que se deixou de organizar hai unha década.

Barrio fala de todo o que deparará esta festa e tamén dos premiados coa "Castaña de Ouro", que nesta ocasión serán o exalcalde Francisco Armando Veiga e a empresa local Pecado de Outono.

 

A Festa da Castaña e o Cogomelo acada este domingo a súa 27ª edición. Que destacaría da súa programación neste primeiro ano como alcaldesa?

Nesta edición imos ter algún cambio con repecto a anos anteriores, co fin de que sexa máis atractiva para todos os públicos. A recuperación do xantar popular é un deles, xa que non o hai desde fai polo menos 10 anos. Teremos, despois, festa no pavillón e estará aberta a quen queira ir e pasalo ben coa charanga Los Támega. Por outro lado, haberá un concerto de mañá na praza do Cruceiro cos Gin Toni’s, música dos 80 para ese intervalo de idade que sempre se queda fóra. E como non podía ser doutro xeito, contaremos con actividades para os nenos, cun taller de chapas e inchables.

Que buscan conseguir desde o Concello con este evento?

Promocionar o concello, onde estamos, quen somos e a que nos dedicamos. Mostrámonos de cara ao exterior e compartimos un día de festa coa veciñanza de Riós e, por suposto, promocionamos o noso produto estrela, a castaña, e todas as súas posibilidades. A isto engadímoslle os cogomelos, xa que non podemos esquecer que somos zona de produción micolóxica.

Este ano a Castaña de Ouro será moi local, concedéndolla ó exalcalde Francisco Armando Veiga e á empresa Pecado de Outono. Cales foron os motivos destas eleccións?

Desde o grupo de goberno decidimos en clave local, que este ano a Castaña de Ouro quede en Riós. Por unha banda concedéndolla ao exalcalde, porque a el debémoslle todo o logrado durante os últimos 29 anos, desde a creación da propia festa ata os últimas colaboracións feitas coa Xunta en materia de doenzas do castiñeiro. Pola outra, a Pecado de Outono, porque é unha pequena empresa local e familiar, que se dedica á primeira transformación de castaña, fabricando fariña de castaña e castaña deshidratada. Apostaron por vivir do rural e no rural.

Cal é a perspectiva de futuro para esta festa? Seguirá como ata o de agora ou estudan ampliala?

O futuro sempre é incerto, pero a intención do grupo de goberno é continuar con ela. Queremos internacionalizala facendo unha colaboración cunha fregresía do norte de Portugal. Temos que empezar a mirar para os nosos veciños-irmáns portugueses que están a facer as cousas moi ben.

ENTREVISTA | Eva Barrio, alcaldesa de Riós: "Queremos internacionalizar a festa...