Xoves. 28.03.2024
As castañas serán de novo protagonistas da súa festa no Riós o vindeiro 6 de novembro. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.
As castañas serán de novo protagonistas da súa festa no Riós o vindeiro 6 de novembro. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

O Concello de Riós organiza un novembro máis a súa Festa da Castaña e o Cogomelo, que acada a 27ª edición. O evento terá lugar o vindeiro 6 de novembro na localidade e non faltarán estes produtos típicos da época, pero tamén haberá moita música, actividades para os nenos e un gran xantar popular.

A primeira parada obrigatoria desta festa será no recinto feiral de Riós, que abrirá as súas portas ás 10:30 horas para poder visitar os postos que alí se instalarán. A esa mesma hora tamén estará dispoñible para o público a exposición "Produtos elaborados con castaña" de Anabel Dacosta.

Os cativos terán o seu espazo, no que seguro desfrutan moito desta festa. A partir das 11:00 horas terán, na pista deportiva que hai ao carón do parque infantil de Riós, inchables e un taller de chapas con imaxes do cogomelo e a castaña. Ao mesmo tempo, a exposición de coches clásicos xa estará habilitada para que os asistentes poidan ver preto algúns históricos das catro rodas.

A programación da Festa da Castaña e o Cogomelo de Riós continuará ás 12:00 horas cun pasarrúas a cargo da Banda de Gaitas do Concello, que dará a benvida ás autoridades que acudan a este evento para coñecer os postos e exposicións da festa. Esta non será a única cita musical da xornada, xa que o grupo Gin Toni's amenizará o día a partir das 13:00 horas, cando comezará unha degustación de castañas e as pulpeiras empezarán a servir polbo, con prezos populares, para todos aqueles que queiran.

A festa rematará ás 14:30 horas cun gran xantar popular no pavillón do CEIP Vendas do Barreira. As entradas desta comida están á venta no Concello por 20 euros e a data límite para mercalas é o 3 de novembro. Despois de que todos comesen a fartar, a charanga Támega tocará para todos aqueles que teñan gana de máis troula.

A "Castaña de Ouro", moi local

 

Esta festa entregará, como cada ano, a "Castaña de Ouro", que nesta ocasión se lle entregará ó exalcalde de Riós, Francisco Armando Veiga; e á empresa local Pecados de Outono, adicada á produción da castaña. Este acto de recoñecemento terá lugar no Salón de Plenos do Concello ás 12:30 horas. 

Cartel da Festa da Castaña e o Cogomelo de Riós.
Cartel da Festa da Castaña e o Cogomelo de Riós.

NOTICIAS VERÍN | A castaña e os cogomelos protagonizan un ano máis a súa festa en Riós