A Consellería do Medio Rural publicou hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o novo convenio de colaboración coa empresa pública Seaga para a xestión da biomasa nas faixas secundarias (as franxas de seguridade máis próximas a vivendas e núcleos de poboación). Con este trámite, ábrese o prazo para que os concellos interesados soliciten a súa adhesión e poidan contar co apoio autonómico nestas tarefas a partir de principios de 2026.
A principal novidade deste acordo, que terá vixencia ata 2029, é o importante incremento económico: o orzamento duplícase ata acadar os 25 millóns de euros anuais. Esta partida inclúe un Fondo de Limpeza de Faixas específico dotado con 10 millóns.
O novo marco normativo reforza o apoio aos municipios de menos de 10.000 habitantes (a maioría na provincia), onde a Xunta poderá asumir a competencia para ordenar execucións subsidiarias cando os propietarios non cumpran. Ademais, increméntase o número de "parroquias priorizadas" —onde os veciños poden contratar a limpeza a prezos reducidos— pasando de 157 a 276.
Ao adherirse ao convenio, as entidades locais recibirán asistencia para:
-
Revisar e elaborar os seus plans municipais de prevención.
-
Realizar inspeccións e xestionar as notificacións aos propietarios.
-
Execucións subsidiarias en ata 10 hectáreas por ano e limpeza de 12 quilómetros de vías municipais.
Dende 2018, este sistema permitiu inspeccionar máis de 2,5 millóns de parcelas en toda Galicia, consolidándose como a ferramenta principal na prevención de incendios preto das casas.
