lunes. 27.07.2026
Evento gastronómico de referencia en Ourense

A XXIX Feira do Pemento de Oímbra reivindica a calidade do seu produto cunha completa programación festiva

Rosendo Luis Fernández, presidente do Inorde, con Ana María Villarino Pardo, alcaldesa de Oímbra, na presentación da Feira do Pemento na Deputación de Ourense.
Rosendo Luis Fernández, presidente do Inorde, con Ana María Villarino Pardo, alcaldesa de Oímbra, na presentación da Feira do Pemento na Deputación de Ourense.

A Deputación de Ourense acolleu este venres a presentación oficial da XXIX Feira do Pemento de Oímbra, evento declarado de Interese Turístico Galego que se celebrará o vindeiro domingo 2 de agosto. No acto estiveron presentes a alcaldesa do Concello de Oímbra, Ana Villarino, e o presidente do Inorde, Rosendo Luis Fernández, quen destacaron o valor estratéxico e a calidade dos produtos da horta da comarca.

Durante a rolda de prensa, a rexedora municipal, Ana Villarino, subliñou a relevancia deste evento para o desenvolvemento económico e a proxección do municipio. "Coa visibilización e divulgación dos pementos, a agricultura de Oímbra ten que camiñar cara a transformación destes produtos, para que a curto e medio prazo o valor engadido dos nosos esforzos repercuta na nosa economía", sinalou a alcaldesa, quen tamén incidiu na vantaxe competitiva que supón contar coa Indicación Xeográfica Protexida Pemento de Oímbra para posicionarse nos mercados.

 

Amplo e consolidado programa

A xornada festiva do 2 de agosto contará cun amplo programa de actividades para todos os públicos. A partir das 11.00 horas haberá animación musical, e ás 12.00 horas abrirase a Exposición de Pratos de Cociña, elaborados co pemento como ingrediente principal, xunto coa publicación do receitario coas preparacións participantes. Ás 14.00 horas celebrarase a tradicional Comida Popular, mentres que a tarde estará amenizada pola Charanga Támega entre as 15.00 e as 20.00 horas. O peche musical correrá a cargo de Rosa Cedrón, cun concerto con entrada de balde ás 21.00 horas.

Durante toda a xornada haberá degustación gratuíta de pementos, stands de artesanía, maquinaria agrícola e produtos diversos, así como hinchables gratis para a cativada.

A XXIX Feira do Pemento de Oímbra reivindica a calidade do seu produto cunha completa...