jueves. 25.04.2024
A sesión de traballo tivo lugar este martes no salón de plenos do Concello de Oímbra.
A sesión de traballo tivo lugar este martes no salón de plenos do Concello de Oímbra.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, presentou esta tarde o proxecto de Plan Municipal de Abastecemento Autónomo no Concello de Oímbra, que foi un dos seis municipios seleccionados pola Xunta para levar a cabo este programa piloto.

Mediante esta iniciativa, o departamento que preside Ethel Vázquez trata de dotar as entidades locais de información sobre o nivel de garantía do abastecemento de auga potable á súa poboación e dun instrumento de planificación para a mellora da prestación deste servicio, de competencia municipal.

No encontro de hoxe, técnicos de Augas de Galicia deron a coñecer as liñas básicas desta iniciativa, dotada con 150.000 euros neste municipio ourensán, e recolleron información sobre a rede e as infraestruturas existentes cos propietarios e representantes das traídas veciñais e das comunidades de usuarios de augas.

Nesta fase inicial do proxecto, están a manterse reunións cos veciños e representantes das traídas municipais dos 6 concellos que participan nesta iniciativa, que, xunto con Oímbra, son: Mondariz, Oia, Cerdedo-Cotobade, Baleira e San Xoán de Río.

Así, nesta primeira fase estase procedendo á recompilación de información por parte dos técnicos de Augas de Galicia de mans dos responsables das traídas co obxectivo de realizar un inventario e estudo dos sistemas de autoabastecemento. Abordaranse, entre outras, as seguintes actuacións:

  • Visitas a cada unha das traídas tomando datos das captacións, depósitos e rede de distribución
  • Recolleranse mostras para analizar a calidade da auga
  • Elaboración de mapas e análise das necesidades de cada traída
  • Estudo do estado das instalacións así como o nivel de garantía técnico e sanitario que asegure o abastecemento da poboación.

 

Posteriormente, acometerase unha análise dos datos recollidos e farase unha proposta de melloras para adoptar nestas redes de subministración de auga potable -solucións que se porán en común cos usuarios das traídas- e, finalmente, elaborarase o documento do Plan Municipal de Abastecemento Autónomo que recollerá as pautas, requisitos e necesidades para este tipo de traídas, que servirá de guía aos diferentes concellos que participan no programa en materia de abastecemento rural a curto e medio prazo.

Esta iniciativa da Xunta persegue mellorar o coñecemento sobre os sistemas de abastecemento autónomo e promover as actuacións necesarias para garantir unha autoxestión sostible e segura.

A Xunta activa en Oímbra o pioneiro plan de abastecemento municipal autónomo