miércoles. 17.07.2024
20191209_san cibrao_obras rehumanización
Entrada de San CIbrao, onde esta mañá xa se podía ver a maquinaria para realizar os traballos de rehumanización das rúas.

Esta mañá xa se podía ver traballando a maquinaria que se utilizará para realizar as obras de dotación e mellora de infraestruturas da Rúa do Campo de San Cibrao; obras que teñen como obxecto a rehumanización desta zona na contorna do parque da aldea de Oímbra.

O proxecto contempla unha completa renovación das infraestruturas subterráneas dada a antigüidade das existentes ata o momento. Deste xeito, procederase ó entubado das cunetas para dotar á zona de novas redes de saneamento e abastecemento, substituíndo as antigas tuberías por novas redes que mellorarán o servizo á veciñanza.

En canto á rede de saneamento, procederase á súa total renovación xa que a vella tubería de fibrocemento está moi deteriorada e resulta pouco axeitada. Construirase un novo colector xeral, con diversos ramais de tuberías que contarán con pozos de rexistro e coa reposición das acometidas destinadas ás vivendas dos particulares.

Do mesmo xeito, actuarase na rede de recollida de augas pluviais. As obras contemplan a total renovación da rede separativa de augas pluviais existente ata o de agora, xa que non conta cun diámetro axeitado, e a ampliación da mesma ata as zonas que non contaban con ela. Para a recollida de augas pluviais, construiranse novos sumidoiros, novas quenllas con rexilla e novos pozos de rexistro. Ademais, serán repostas 20 acometidas a vivendas particulares dende a nova rede.

Tamén se farán os traballos de renovación da rede de abastecemento. A antiga rede foi realizada con materiais que agora non se consideran axeitados e que provocaban contínuas roturas coas conseguintes fugas de auga. As obras de mellora contemplan a construción de arquetas para a ubicación das válvulas de paso de das bocas de rego.

Rehumanización da aldea 

A Rúa do Campo, ubicada na entrada de San Cibrao, é unha das que máis tránsito de vehículos soporta. Ata o de agora carecía de beirarrúas, polo que o proxecto de mellora da zona contempla a creación das mesmas co obxectivo de rehumanizar a aldea e facela máis accesible para os veciños e veciñas.

A preparación do terreo e a construción de beirarrúas para peatóns verase reforzada coa demolición do firme existente para vehículos e a dotación dun novo asfaltado que se completará con sinais viarias horizontais.

O proxecto conta cun orzamento de 69.000 euros, financiado pola Deputación de Ourense e pola Xunta de Galicia.

Novo asfaltado, creación de beirarrúas e renovación de infraestruturas na Rúa do Campo...