jueves. 25.04.2024
Ana María Villarino -alcaldesa- e Fabiola García -conselleira-, asinando o convenio do "Xantar na casa".
Ana María Villarino -alcaldesa- e Fabiola García -conselleira-, asinando o convenio do "Xantar na casa".

A Xunta incorporou o Concello de Oímbra ao programa Xantar na casa que permitirá levar menús semanais, sans e equilibrados aos fogares de persoas maiores que viven soas. A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, asinou este luns na Casa do Concello olimbriguense o convenio de adhesión, mediante o cal se achegará este servizo a dez persoas deste municipio.

A conselleira lembrou que outros seis concellos desta comarca xa se benefician deste programa: Castrelo do Val, Cualedro, Monterrei, Riós, Verín e Vilardevós. Deste xeito, apuntou, a Xunta axuda a paliar a soidade non desexada de preto de 80 persoas desta comarca de Verín. No conxunto de Galicia, a Xunta achega estes menús semanais a máis de 1.800 persoas de preto de 200 concellos diferentes para o que inviste un total de 2 millóns de euros.

Fabiola García sinalou que o Goberno galego conta cunha rede autonómica de servizos que leva atención e coidados aos fogares das persoas maiores que viven soas. Faino, por exemplo, a través do Servizo de Axuda no Fogar, que achega coidados profesionais ás casas de máis de 24.000 galegas e galegos e no que Galicia é unha das Comunidades líderes a nivel nacional.

Faino tamén a través do servizo de teleasistencia, que permite que as persoas maiores poidan ser atendidas con tan só premer un botón, ou a través do autobús de Coidados porta a porta que nestes momentos está percorrendo todos os concellos galegos, agás as sete cidades, ofrecendo servizos gratuítos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria.

Quen se pode beneficiar deste servizo?

Poderán ser usuarias deste servizo aquelas persoas que residan nos concellos da Comunidade Autónoma galega que teñan asinado co CGSIB -Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar- un convenio de colaboración do programa e que cumpran os seguintes requisitos no momento de formular a correspondente solicitude:

  • Persoas maiores de 60 anos que teñan limitada a súa capacidade de autonomía persoal e que non conten cunha rede de apoio que poida suplir tal situación.
  • Persoas dependentes que carezan de apoio familiar e que requiran de axuda para a preparación de alimentos.
  • Persoas menores de 60 anos en situación de exclusión social, tecnicamente avaliada polos servizos sociais do concello respectivo.
Fabiola García, Gabriel Alén e Ana María Villarino, no centro de día de Oímbra.
Fabiola García, Gabriel Alén e Ana María Villarino, no centro de día de Oímbra.

A conselleira de Política Social estivo en todo momento acompañada da anfitriona, a rexedora Ana María Villarino Pardo. Xuntas, co tamén delegado en Ourense do Goberno autonómico, Gabriel Alén, visitaron ademais as instalacións públicas da Escola Infantil e o Centro de Día da vila, tamén do Consorcio. 

Villarino Pardo aproveitou para agradecerlle á responsable de Política Social da Xunta de Galicia "o seu compromiso e empatía con nós, achegando desta un convenio que nos permitirá incrementar o xa moi amplo abano de servizos sociais que presta este Concello, claramente comprometido cos nosos maiores", sinalou. 

NOTICIAS VERÍN | Oímbra súmase ao programa "Xantar na casa" da Xunta de Galicia