jueves. 18.04.2024
Residencia Val de Monterrei. | FOTO: Noelia Caseiro.
Residencia "Val de Monterrei". | FOTO: Noelia Caseiro.

Este luns facíase pública a novena morte na residencia de anciáns "Val de Monterrei", na que fai xustamente dúas semanas se detectaba un dos gromos máis importantes da provincia logo da do xeriátrico Os Gozos, de Pereiro de Aguiar, onde os residentes contaminados superaron os 150. 

No complexo de Albarellos de Monterrei, dirixido por unha enfermeira que tamén compatibiliza o seu cargo co de rexedora dun concello da Limia, a día de hoxe e segundo informacións da Consellería de Política Social, foron 57 os maiores contaxiados, dun máximo de 59, dos cales nove faleceron repartidos entre as propias instalacións do xeriátrico e as habitacións do hospital público de Verín. 

Esas mesmas fontes, oficiais, cifran en 19 os traballadores contaxiados dun total de 28, dos que 4 xa chegaron a negativizar na enfermidade -o último nas últimas horas, sendo 15 arestora os membros do persoal aínda afectados-. Da covid non se librou nin a directora do centro. 

Era o pasado luns 5 de outubro cando este xornal adiantaba, cara o mediodía, o contaxio de alomenos catro traballadores da residencia "Val de Monterrei". A nova non deixaba indiferente a ninguén, e menos aos profesionais do hospital de Verín, que dende entón terían traballo extra fóra da planta de Medicina Interna. Todo facía indicar que non tardarían en coñecerse positivos tamén entre os residentes. E así foi. Tres días despois, o xoves 11 deste mesmo mes, nas listaxes que diariamente se actualizan no sistema de xestión clínica e documental do Servizo Galego de Saúde para pacientes de centros de saúde -coñecido dentro da "casa" como IANUS- saltaban as primeiras alertas ás dúas horas de acenderse os ordenadores das consultas: chegaban os 43 primeiros positivos dunha tacada. Ese mesmo día, moitos lembrarán ao rexedor local, José Luis Suárez, dicir que "están todos evolucionando ben" nunha emisora local, unha semana antes de deixar aberta una posible intervención por parte da Xunta de Galicia: "Se a consellería ten que intervir, que o faga" -escoitado na mesma cadea episcopal-.

O resto da triste historia das 57 que alí se concentraban dende ese día xa as coñecen nos primeiros párrafos desta concisa crónica. Este luns coñecíase o falecemento dunha anciá de 93 anos, que levará consigo ser a novena vítima que o virus se cobra dende que entrou -ou o meteron- no xeriátrico do vello hotel Gallego. Ata algún dos que loitou seguro para lle conservar a vida a algún dos finados, o doutor Eugenio Quintas, acabou convertíndose nas súas carnes nunha diana máis do coronavirus, "poida que a excesiva exposición tanto dentro do hospital como na residencia de anciáns, evidentemente, tivera algo que ver", sinala asintomático en conversa telefónica. 

E como non todo podería ser funesto para rematar, o luns décimo quinto día despois de que se coñecese o gromo no lugar, as boas novas chegaban logo de saberse que tres dos residentes infectados acababan de abandonar a estadística dos positivos cunha PCR negativa



 

O "Val" das nove mortes en 15 días