domingo. 19.07.2026
Dos 78 establecementos participantes, 11 están en concellos afectados polos incendios

Turismo convida a visitar as zonas queimadas na nova edición do "Outono gastronómico"

20250915 OutonoGastronómico, retiro do conde, Merelles, José Luis Prieto
Xosé Merelles presentou o programa turístico na casa rural O Retiro do Conde, rexentada por José Luis Prieto en Vilaza (Monterrei).

Turismo de Galicia presentou a 19ª edición do seu programa Outono Gastronómico, unha iniciativa que este ano adquire un significado máis profundo. O director da axencia, Xosé Merelles, deu a coñecer a proposta desde O Retiro do Conde, un dos establecementos participantes situado en Monterrei. Este ano, a campaña busca non só dinamizar o turismo rural e a gastronomía fóra da tempada alta, senón tamén converterse nunha ferramenta de recuperación económica para as zonas que máis sufriron a vaga de incendios deste verán.

A chamada á solidariedade por parte da Administración galega é clara. Xosé Merelles expresou o seu desexo de que o público en xeral se solidarice coas zonas afectadas polo lume este verán e opten por establecementos situados nestes concellos: "É unha boa fórmula para axudar a recuperar a actividade económica nesta contorna, ao tempo que permite coñecer tamén a oferta global de turismo rural da comunidade". Dos 78 establecementos de turismo rural que se uniron ao programa en toda Galicia, 11 atópanse en concellos afectados polos incendios.

Variedade de propostas a prezos competitivos

O programa ofrece varias modalidades para gozar do turismo rural en Galicia. O Menú Outono Gastronómico céntrase na gastronomía, sen aloxamento; o Paquete Outono Gastronómico permite degustar o Menú Outono Gastronómico e pernoctar na casa de turismo rural unha noite; a Fin de Semana Outono Gastronómico ofrece gozar da oferta completa. Ademais, para as familias, existe a opción de Fin de Semana Familiar Outono Gastronómico, deseñada especificamente para estancias con nenos. O programa inclúe tamén o Outono Plus, unha proposta que oferta actividades complementarias como sendeirismo, paseos a cabalo, visitas a adegas con degustacións ou descensos en kaiak, dispoñible en 26 establecementos.

A proposta para os visitantes é variada e competitiva. Nesta guía "Outono gastronómico en turismo rural 2025" podes consultar todos os establecementos de turismo rural incluídos na promoción, cos menús e modalidades propostos por cada un deles. O programa pódese desfrutar desde este venres, 19 de setembro, ata o 21 de decembro de 2025; con ofertas válidas só en venres, sábados e domingos agás a fin de semana do 6 ao 8 de decembro.

Turismo convida a visitar as zonas queimadas na nova edición do "Outono gastronómico"