viernes. 03.05.2024
A zona da lagoa xa está preparada para acoller á veciñanza no Serán da Pousa. | FOTO: Cedida.
A zona da lagoa xa está preparada para acoller á veciñanza no Serán da Pousa. | FOTO: Cedida.

O sábado 2 de setembro a zona fluvial da Pousa acollerá a terceira edición do Serán da Pousa, unha xornada festiva inspirada nos tradicionais “seráns” nos que a música tradicional é a protagonista, xunto cunha variada proposta de actividades que poñen en valor o respecto á natureza e a vida na aldea.


Organizada polas veciñas da Pousa, a xornada convértese nunha convivencia interxeracional á beira do río Támega cunha ampla proposta de actividades, música ao vivo e gastronomía. Comezará coa sesión vermú, na que participarán artistas da comarca tocando éxitos de distintas décadas. Tempo con micro aberto a todas as persoas que queran botar unhas cancións.

Tras disto chegará o picnic compartido á beira do río para retomar a antiga costume de xantar coa familia e as amizades nas festas ao aire libre. Nista edición, haberá unha nova actividade que busca dar a coñecer a aldea a través dos seus veciños e veciñas máis lonxevos: “A Pousa Free Tour”, unha visita guiada e acompañada de música pola historia e a intrahistoria da aldea.

2 setembro, serán na pousa02
A cea poderase reservar ata o 1 de setembro.

O prato forte da xornada é o serán, no que a música virá da man de catro grupos de música tradicional: Nova Era, Candaira, Os Trouleiros de Medeiros e Os Chavalines; encargados de amenizar a última hora da tarde ata que, como non podía ser doutro xeito, chegue a hora da cea popular con porco ó espeto, empanada e bica. Haberá opcións de menú vegano e celíaco. Cea á que haberá que apuntarse, mercando a entrada no Bazar Souto.

Xa na noitiña, chega a foliada compartida que continuará despois do lusco fusco ó lado do río. As organizadoras animan a que a xente leve os seus instrumentos tradicionais, que pasen unha xornada familiar no río, e gocen dun entorno natural idóneo para xogar, descansar ou disfrutar en compañía.

NOTICIAS VERÍN | A terceira edición do Serán da Pousa voltará encher a lagoa