jueves. 18.04.2024
Intervención de Mariana Carballal no acto “Mulleres referentes no audiovisual ourensán”.
Intervención de Mariana Carballal no acto “Mulleres referentes no audiovisual ourensán”.

A actriz, directora e docente Mariana Carballal recibiu este mércores o premio 8-M da Deputación de Ourense en recoñecemento a unha "traxectoria referencial no audiovisual e na loita pola igualdade", segundo remarcou no acto de entrega celebrado no Centro Cultural Marcos Valcárcel o titular do goberno provincial, Manuel Baltar.

O presidente da Deputación -que tamén puxo en valor o "a valentía e o orgullo de Mariana Carballal polas súas raíces, en Albarellos, e esa desbordante creatividade que tanto conecta co noso rural"- entregou a obra de Buciños "A unión das mulleres" á homenaxeada, que sinalou o seu "fondo agradecemento" por un premio que compartiu cos numerosos amigos, alumnos, veciños e compañeiros de profesión presentes no acto.

Mariana Carballal reflexionou sobre a súa infancia en Albarellos, "a miña terra, a miña xente, grazas á que hoxe son o que son", e lembrou "a todas as mulleres do mundo, que traballan día a día por facer un muller mellor e máis igualitario".

A homenaxeada pechou a súa intervención lanzando unha mensaxe a "todas as nenas" do mundo: "Podemos conseguir os nosos desexos. É certo que temos que traballar o triplo, pero podemos chegar. Eu non tiven padriños, so pais que me ensinaron a traballar, a ser respectuosa e digna".

Mulleres referentes no audiovisual ourensán

O encontro contou coa mesa redonda "Mulleres referentes no audiovisual ourensán", coa presenza -ademais da homenaxeada- da fotógrafa e videógrafa Iris Justo, a actriz Carlota Mosquera e a publicista María Álvarez -premio Olimpia Valencia en 2022-. Neste coloquio, moderado pola deputada Luz Doporto, reflexionouse sobre a situación que viven as mulleres no sector audiovisual e, por extensión, no mundo laboral, definindo os teitos de cristal, as barreiras e os sesgos de xénero contra os que as teñen que loitar as mulleres no día a día.

María Álvarez, Luz Doporto, Mariana Carballal, Manuel Baltar, Carlota Mosquera e Iris Justo.
María Álvarez, Luz Doporto, Mariana Carballal, Manuel Baltar, Carlota Mosquera e Iris Justo.

O acto desta tarde foi inaugurado pola deputada de Igualdade da Deputación de Ourense, Luz Doporto, contou con Lucía Álvarez na parte musical -acompañada á guitarra por José Luis Troitiña- e estivo presentado pola xornalista Lara Pérez.

Un nome chave do audiovisual galego

Mariana Carballal (Albarellos, Monterrei, 1962) é un dos nome chave do audiovisual galego. Cunha sólida formación, ten unha amplísima traxectoria no teatro, televisión e cine, medios nos que destaca como actriz e tamén como directora e directora de cásting. Tamén ten desenrolada unha importante labor docente na Universidade de Vigo e na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.

Entre os traballos máis destacados de Mariana Carballal sobresae a súa presenza en películas como "O lapis do carpinteiro", "León y Olvido", Romasanta", "La piel que habito" ou "Elisa Marcela"; ademais da presenza en series de televisión como "Mareas Vivas", "Nada es para siempre", "Policías", "Hospital Central" ou "Libro de Familia", produción da que foi a directora de cásting e directora dos primeiros cincuenta capítulos.

Dentro do seu traballo pola igualdade, Mariana Carballal implementou a través de AISGE o proxecto "Orballo", un obradoiro de educación de perspectiva de xénero presentado no propio Festival Internacional de Cine de Ourense, en 2018.

NOTICIAS VERÍN | Mariana Carballal, premio 8-M da Deputación de Ourense