domingo. 19.07.2026
Os días 26 e 27 terá lugar a XXXVII Xuntanza Internacional

NOTICIAS VERÍN | Gaiteiros do mundo teñen unha cita ineludible no Castelo de Monterrei

Cartel coa programación da Xuntanza Internacional de Gaiteiros en Monterrei.
Cartel coa programación da Xuntanza Internacional de Gaiteiros en Monterrei.

O Castelo de Monterrei será o emprazamento perfecto para que os días 26 e 27 de agosto se leve a cabo a XXXVII Xuntanza Internacional de Gaiteiros. Preto dunha vintena dos máis destacados músicos e agrupacións chegadas de diversos puntos de Galicia, Bélxica, Cuba ou Francia, ofrecerán ao público concertos especais, pero tamén exposicións e conferencias. Ademais, este rendirase homenaxe ao mestre gaiteiro coruñés Miguel Anxo López Paradelo.

Hoxe presentouse este evento, declarado de interese turístico e cultural, que contribúe a reforzar a "identidade propia que representa a gaita", destacou Rosendo Fernández, vicepresidente primeiro da Deputación de Ourense, institución que colabora ne realización desta xuntanza.

Desde 2007, o Castelo de Monterrei acolle esta xuntaza que xa conta con máis de 30 anos de traxectoria. "É unha cita senlleira dentro do calendario de actividades culturais da provincia", sinalou Fernández. O evento declarouse no 2016 como de interese turístico e cultural, o que pon en valor "o propio e representa o noso folclore a través do que chamamos a gaitoterapia".

O venres comezará o programa desta xuntanza cun curso de técnica de Ulieann Pipe, gaita irlandesa, que está a cargo de César Pastor ás 11:00 horas. O concerto da cantante Carmen Penim -ás 19:00 horas- completará a xornada, xunto coa inauguración da exposición fotográfica sobre a gaita desde o século XII ao XX.

O sábado 27 comezará coa conferencia do investigador francés Jean Luc-Matte, que falará sobre a representación dos pastores na iconografía do Nadal ás 12:30 horas. Pola tarde, ás 19:00 horas, está previsto que se inicie o acto central desta xuntanza coa intervención de preto de vinte músicos e agrupacións musicais.

Este ano destacan o cubano Alejandro Suárez, a belga Marieke Van Rasnbeek, o pontevedrés Óscar Ibáñez ou as cantareiras de Santa Baia dos montes, da comarca de Monterrei. A Real Banda de Gaitas da Deputación será a encargada de poñer o peche a esta encontro de gaiteiros. 

O evento poderase seguir en directo a través da web da Deputación de Ourense.

NOTICIAS VERÍN | Gaiteiros do mundo teñen unha cita ineludible no Castelo de Monterrei