jueves. 18.04.2024
Cartel promocional da XXXVI Xuntanza Internacinoal de Gaiteiros.
Cartel promocional da XXXVI Xuntanza Internacinoal de Gaiteiros.

Esta fin de semana ten lugar a XXXVI Xuntanza Internacional de Gaiteiros, que dende o ano 2007, se vén celebrando nun enclave privilexiado: o Castelo de Monterrei. Dende o vindeiro venres, sucederanse unha serie de actividades relacionadas co mundo deste instrumento e doutras disciplinas que moito teñen que ver coa música e a cultura; non só provenientes das proximidades da gaita galega senón de moitas outras do mundo.

Os actos dan comezo o día 27 pola mañá cun curso de técnica de Uillean Pipe, ou gaita irlandesa, no Hospital do Peregrino; e continuarán pola tarde cun concerto en Flariz de Iria Estévez e Gabi Reboredo. Segundo lle confirmou a este medio o director da Escola Provincial de Gaitas, Xosé Lois Foxo, estarán acompañados pola banda de gaitas da localidade.

Xa o día seguinte, a celebración seguirá con varias conferencias impartidas por diferentes músicos sobre, por exemplo, a xeremía das Baleares ou a gaita de Aragón. "Estas actividades están orientadas a todos os que teñan interese polo tema, estudiosos dos instrumentos ou que sintan admiración por eles", espeficica Foxo. Todas elas contarán cun aforo reducido de 20 prazas, previa inscrición na Casa do Concello de Monterrei.

Pola tarde, comeza a Xuntanza propiamente dita, coa interpretación do himno por tres trompetistas, situados nas tres torres do Castelo e co atuendo típico medieval. É o pistoletazo de saída oficial para este evento, declarado de interese turístico e cultural, que será conducido -de xeito musical- por Alba María e Kike Estévez e as súas regueifas, e no que participarán distintas agrupacións e artistas recoñecidos de Galicia e doutras partes do territorio nacional. Entre elas, as homenaxeadas cantoras de Santa Baia, Basilisa e Margarita, coas que "pretendemos poñer en valor os cánticos antigos que se trasmiten de xeración en xeración, os cales quero agrupar para publicar posteriormente en audio e vídeo, así como a transcrición melódica das partituras", conta Xosé Lois Foxo.

Para todos aqueles que non poidan acudir, os actos serán emitidos por videostreaming a través desta canle de YouTube. Tamén, ata o vindeiro 20 de setembro, estará exposta unha colección de gaitas da península ibérica no Castelo de Monterrei, "cun código onde se pode consultar a historia, tocadores e datos de cada unha delas", conclúe Foxo.

NOTICIAS VERÍN | A XXXVI Xuntanza Internacional de Gaiteiros, vía para poñer en valor a...