Venres. 29.03.2024
O acto de presentación do plan de recuperación da comarca de Monterrei. | FOTO: M. D.
Os asistentes ao acto de presentación do plan de recuperación da comarca de Monterrei. | FOTO: M. D.

O Castelo de Monterrei foi, unha vez máis, o escenario elixido pola Xunta de Galicia para celebrar un dos seus actos. Esta mañá foi o conselleiro de Medio Rural, José González, acompañado do delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e do vicepresidente primeiro da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, quen presentou o inicio dun plan integral de recuperación, dinamización e valorización integral da área suroriental de Ourense, que abrague maioritariamente á comarca de Monterrei e Conso-Frieiras.

Este plan elaborarase a través dun convenio -dotado con 140.000 euros- entre a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, a Consellería do Medio Rural, a Deputación de Ourense, a Fundación Juana de Vega e os dez concellos deste territorio -Cualedro, Monterrei, Oímbra, Verín, Laza, Castrelo do Val, Vilardevós, Riós, A Gudiña e A Mezquita- representados no acto por cada un dos seus alcaldes.

Así, o conselleiro sinalou que parte deste plan desenvolverase ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que contempla numerosas actuacións para fixar poboación neste territorio e fomentar a súa recuperación, dinamización e posta en valor. "Prevese actuar nunha zona especialmente afectada polos incendios forestais, polo que é preciso establecer unha planificación orientada á anticipación dos incendios e á recuperación e posta en produción da terra agraria para a creación de emprego no sector primario", afirmou o conselleiro.

Produción forestal

Tras un estudo pormenorizado da área, constatouse que a maior parte do territorio ten un uso forestal e agrícola, concretamente de pastos. Nestas zonas, concretou o conselleiro, "poñeranse en valor as plantacións de castiñeiro, onde están priorizados seis concellos dentro do Plan estratéxico dos soutos de Galicia. Desta forma, fomentarase a mellora da comercialización e transformación deste produto nunha zona con gran potencial para este tipo de cultivo".

Así mesmo, González destacou que se apostará por unha mellora global da produción forestal nesta zona, potenciando tamén a produción de frondosas autóctonas e coníferas, tales como o piñeiro. Precisamente, sobre esta especie, o conselleiro salientou a recente presentación da marca “Pino de Galicia”, polo que pode ser unha alternativa moi rendible para os comuneiros desta área.

Polígonos agrarios

O titular de Medio Rural tamén indicou que na comarca hai preto de 3.000 hectáreas de concentración parcelaria en estado de abandono, obxectivo de recuperar para a posta en marcha de polígonos agrarios centrados en viñedo da Denominación de Orixe Monterrei -como o de Monterrei- ou na produción de pemento de Oímbra -neste sentido está posto en marcha o polígono de Penelas-, entre outros cultivos.

Aldeas modelo

González destacou ademais catro aldeas modelo (Infesta en Monterrei, O Seixo na Gudiña, Pedrosa en Riós e Carzoá en Cualedro) proxectadas na bisbarra, que supoñen a posta en valor de 206 hectáreas en 2.466 parcelas de case 700 propietarios. Anunciou tamén o estudo inicial para a posta en marcha de polígonos cortalumes en máis de 600 hectáreas de superficie nas zonas de Xironda-San Millao, San Millao-San Cristovo e San Cristovo-Medeiros.

Con todo, o conselleiro sinalou que todas estas melloras que se levarán a cabo no rural destes 10 concellos virán complementadas con accións doutros departamentos autonómicos, centrados principalmente na mellora da mobilidade -infraestruturas e transporte público- e da conectividade, coa implementación de cobertura de banda ancha. Pero tamén, dixo, terán cabida accións que reforcen o Camiño de Santiago, as rutas e miradoiros, os establecementos turísticos e o propio patrimonio cultural.

A presentación deste plan de dinamización e valorización da zona rematou co breve discurso de Enrique Sáez, presidente da Fundación Juana de Vega, participante no proxecto; e do vicepresidente primeiro da Deputación, Rosendo Fernández, quen puxo en valor esta iniciativa de "colaboración e cooperación. As palabras fetiche da Administración que represento" e que beneficiará á provincia e, en concreto, á nosa comarca e á veciña Conso-Frieiras.

NOTICIAS VERÍN | Así será o plan integral que potenciará o sector primario en Monterrei...